O PSdG pide explicacións sobre a "omisión nas subvencións da Deputación destinadas a servizos culturais". Dende o concello critican "a demagoxia" dos socialistas

22, Outubro 2014

O Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño "lamenta que a ineficacia e a nula xestión do goberno municipal deixe á nosa vila unha vez máis sen a posibilidade de contar cunha subvención, neste caso para servizos culturais e educativos".

Comunicado do grupo municipal do PSdG

Mentres a ineficacia de Marnotes deixa ao Carballiño sen esta axuda económica, o Concello de Ribadavia recibirá 20.000 euros que destinará ao seu Conservatorio. Algo que tamén se podería ter feito na nosa vila, tendo en conta a problemática coa que se atopan moitos pais e nais para asumir o elevado custo das taxas, e que os levou incluso a recoller sinaturas e crear unha plataforma de protesta.

En todo este tempo, Marnotes foi incapaz de dar unha solución aos  afectados pola suba das taxas do Conservatorio, mentres que cunha axuda como esta o Concello podería manter o servizo sen castigar os petos das familias.

É incomprensible que O Carballiño quedase sen esta oportunidade, sobre todo tendo en conta que non é a primeira vez que se perde unha subvención debido á desidia e a falla de xestións do Concello.

Esiximos ao goberno municipal unha explicación clara dos motivos polos que non se solicitou esta axuda. Queremos saber se foi por ineptitude, porque non se enteraron da súa convocatoria, como xa aconteceu nalgunha ocasión; ou se foi por comodidade, porque realmente a este alcalde o que lle interesa é ir ao máis doado, subir impostos, e non  axudar ao benestar dos cidadáns.

Os carballiñeses, e sobre todo neste caso os afectados pola suba das taxas do Conservatorio, merecen unha xustificación dos motivos polos que, tendo oportunidade de mellorar os servizos públicos tanto culturais como educativos e reducir custos, o Concello non move un dedo para facer as oportunas xestións. 

Comunicado do Concello do Carballiño

O grupo de goberno do concello do Carballiño non pode quedarse calado ante as artimañas do PsdeG-PSOE para enganar os veciños. Esa linea de subvención da que falan engloba tanto axudas para actividades deportivas, coma culturais e educativas. PrecisamenteO Carballiño ten solicitadas estas subvencións que van servir para dotar ao multifuncional dunha equipación actual en materia de son e iluminación, así como para a celebración de diversas actividades deportivas. Se outros concellos solicitaron esta linea de subvención para os seus conservatorios é cousa de cada un deles.

A demagoxia do PsdeG-PSOE é tal que din que se perdeu esta subvención, cousa que non é certo, e o peor é que enganan os veciños desta vila mesturando unha subvención coas taxas do conservatorio e a escola de música "señores do psoe enterenseantes de falar, a subvención á que se refire non se podería usar para o pagamento de soldos e seguros dos profesores, que é o 95% do gasto do conservatorio e a escola. As taxas ten un custo que nada ten que ver con recibir subvencións ou non, é máis, recordemos novamente que o 80% dos estudantes destes centros educativos pagan menos que no pasado curso(pese a ter que redefinir as taxas polo plan de axuste), e seguimos sendo un dos conservatorios co prezo máis baixo de toda a princia, só mellorado polo da capital que está financiado pola Xunta de Galicia".

Engade o alcalde de ou Carballiño que "para nós é unha satisfacción que a maioría dos pais con fillos no conservatorio e a escola de música nos felicitasen polo reaxuste de taxas, co que só os que máis teñen pagan máis, e o resto paga menos ou mesmo nada".

Comunicado da "Plataforma Stop Taxas"

A Plataforma de Afectados e Afectadas pola Suba das Matrículas do Conservatorio / Escola de Música do Carballiño, despois de coñecer a nova de que o grupo de Goberno do noso concello perdeu a oportunidade de obter unha cuantiosa cantidade de cartos en forma de subvención para Cultura e Educación, da Deputación de Ourense, por neglixencia e ineptitude ao non solicitala queremos declarar o seguinte:

1. Sentímonos decepcionados, violentados, enganados, burlados máis unha vez ao vermos como nun momento tan crítico, este “Desgoberno” de Goberno Municipal non está á altura das circunstancia, ignorando unha subvención que, outros concellos si tramitaron e acadaron. Ribadavia, Verín, O Barco son exemplos disto.

2. Isto é un despropósito para toda a cidadanía que vemos como día tras día as promesas do noso alcalde de traballar polo pobo, pola solución dos seus problemas e, por suposto, polo Conservatorio / Escola da Musica do Carballiño, lonxe de cumprilas, semella querer que o incumprimento incremente os problemas. Resulta patético, é inverosímil que ademais de afogarnos con taxas abusivas coa desculpa de que non hai diñeiro deixe escapar este cando ten a oportunidade de conseguilo.

4. Criticamos e denunciamos abertamente ao señor alcalde por abandono de responsabilidades, por neglixencia e falla de control, neste caso da concellaría ou concellarías aos que atinxen estes temas. Algo terán a ver neste caso Educación, Cultura e mesmo Facenda, non si? Por tanto, atrevémonos a pedir publicamente a dimisión tanto dos responsábeis destas concellarías como do máximo representante municipal, isto é do señor Alcalde do Carballiño por deixación nas súas funcións, por non realizar as tarefas para as que o pobo do Carballiño o elixiu.

5. Malia toda a mentira que se pretenda seguir sementando, e por todos os medios legais ao noso alcance, esta Plataforma continuará a facerse ver e oír para reivindicar algo tan simple como o dereito dos noso fillos e fillas a teren no seu propio pobo uns estudos musicais de calidade e accesíbeis para todos por igual. Conxelación das taxas xa!