O PSdG solidarízase cos extraballadores do matadoiro e comprométese á súa reapertura

5, Xaneiro 2015

O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG, Paco Fumega, e o concelleiro Adolfo Nogueira, mantiveron unha xuntanza con representantes dos extraballadores do matadoiro do Carballiño "a fin de tratar sobre a súa situación e traballar nas fórmulas para a súa solución", apuntan.

Recordan os socialistas que "os traballadores levan xa máis de dous anos agardando a que Marnotes cumpra co seu compromiso de retomar a actividade do matadoiro. Neste tempo o único que recibiron foron promesas que quedaron en nada e escusas para deixar pasar o tempo" e remarcan como "nestes dous anos a situación dos traballadores volveuse aínda máis preocupante xa que remataron as súas prestacións por desemprego, co cal teñen dificultades económicas nas que de nada valen as promesas, polo que esixen feitos e canto antes".

O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG, Paco Fumega, comprometeuse neste encontro "a reactivar o matadoiro do Carballiño cando chegue á alcaldía, pensando non só nos traballadores senón tamén nos carniceiros e nos veciños que precisan deste servizo".

Esta xuntanza enmárcase nos encontros que o PSdeG está a realizar con diversos colectivos da vila para coñecer de primeira man as súas principais necesidades e artellar así propostas concretas no seu programa de cara as vindeiras eleccións municipais