O PSOE de Leiro afirma que "a entrada na Mancomunidade do Ribeiro duplicou o coste dos Servizos Sociais"

7, Marzo 2012

Os socialistas de Leiro celebran que por primeira vez fora aprobada neste Concello unha moción presentada polo Grupo Socialista, “algo que non debería ser noticia, pero que para nós é toda unha novedade, un acontecemento motivo de alegría”.

 O portavoz, Manuel Rodríguez, afirma que os socialistas traballan para dar solución aos problemas dos cidadáns, como no caso da moción aprobada no último pleno, sobre a pavimentación da rúa Prado do casco urbano de Leiro, que presentaba un estado lamentable co conseguinte perigo para vehículos e peatóns.

 Rodríguez critica tamén que a entrada do Concello na Mancomunidade do Ribeiro, que preside o alcalde de Leiro, supuxo aos veciños unha suba no coste de servizos como a recollida do lixo, a recadación, os servizos sociais ou protección civil.

 Lembra que o custe ascendeu de 174.000 en 2010 a 195.000 euros  en 2011, o que supón “unha sangría para as arcas municipais”.

O edil socialista destaca que no caso dos servizos sociais esta suba foi de máis do dobre, pasando de pagar 26.255,86 euros en 2010 a 53.000 euros en 2011, cando en teoría entrar na Mancomunidade suporía un abaratamento dos servizos.

 “O alcalde mentiu, incluso dixo que a Xunta aportaría máis diñeiro se o servizo estaba mancomunado”, sinala, ao que engade que a situación empeorará cando Castrelo de Miño abandone a Mancomunidade o vindeiro  mes de abril.

 Ademais, afirma que “os veciños de Leiro terán que pagar o 50% da nova edificación que se está realizando, por moito que diga o presidente da Mancomunidade que se pagará co superávit de anos anteriores”.

 Por último critican “a nefasta xestión económica e política da Mancomunidade, na que só quedan cinco Concellos, mérito do actual presidente e alcalde de Leiro, que dende que entrou as cousas só empeoraron cada vez máis”.