O PSOE de Punxín denuncia ante a Valedora do Pobo unha "trama de ocultación de documentación e información por parte do bigoberno municipal"

19, Setembro 2024

O PSdeG-PSOE de Punxín levará ante a Valedora do Pobo a decisión do bigoberno municipal do PP e CxG de negarse a facilitar a información e a documentación requirida polas socialistas. Solicitan a súa mediación, intervención e amparo urxente ante unha situación que consideran “moi grave” e que tal e como apuntan “non é compatible coa lei, que avala o acceso a información para exercer a labor de oposición”.

O grupo municipal socialista sinala que o bloqueo permanente do labor fiscalizador da oposición, por parte do grupo de goberno, materialízase tanto na falta de resposta ás preguntas e solicitudes de información formuladas vía rexistro electrónico e no pleno municipal. As e os socialistas alertan que “estamos ante unha trama deliberada de ocultación de información, polo que pedimos o amparo da Valedora do Pobo para que actúe en consecuencia”.

Dende as filas socialistas sospeitan que este escurantismo é unha “manobra premeditada de ocultación por parte do goberno municipal” e denuncian a “gravidade” desta cuestión, que tal e como apuntan “repercute de xeito directo e negativo sobre a rendición de contas na xestión pública, dificultando aínda máis o labor da oposición no relativo ao control da actuación do goberno”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, pon de manifesto que neste último mandato, “caracterizado polas mentiras e o bombo e platillo das mesmas, non só non melloramos en cuestións de transparencia, senón que imos a peor”. A edil socialista sinala que coa negativa do goberno municipal a facilitar a información e a documentación requirida “pretenden vetar á oposición, algo que non imos permitir”.

Peleteiro Vázquez subliña que “tomaremos as medidas que sexan necesarias para ter acceso a información e documentación solicitada e a que temos dereito” e apunta que “esta forma de actuar déixanos claro que algo teñen que ocultar”. Neste senso, a voceira socialista tamén recalca que “nunca se coñeceu unha época tan antidemocrática, escurantista e con tanta falta de transparencia como a do actual mandato” e denuncia que “PP e CxG non están facilitando información á oposición, e polo tanto tamén lla están negando á veciñanza”.

O PSdeG-PSOE de Punxín esíxelle ao bigoberno que “devolva a democracia ao concello de Punxín e que se convertan nun goberno municipal no que haxa transparencia e información aos grupos políticos” e sinalan que “esta situación de bloqueo e antidemocrática ten que rematar xa”.