O PSOE de Punxín insta ao alcalde de San Amaro a que amose "respecto" por Punxín e o seu patrimonio e lémbralle que o castro da Cidá pertence a ambos concellos

28, Agosto 2023

O PSdeG-PSOE de Punxín pídelle ao alcalde de San Amaro, Fernando Redondo, que amose “respecto” polo concello de Punxín e o seu patrimonio. Os e as socialistas critican que o rexedor deste municipio ignore “por completo” que o castro de San Cibrao de Lás pertence tanto aos concellos de Punxín como o de San Amaro, e non só a este último como pretende vender nas súas publicacións en redes sociais e nos actos municipais organizados no castro.

Dende o grupo municipal socialista lémbranlle ao alcalde de San Amaro que o castro de San Cibrao de Lás está localizado nos municipios de San Amaro e Punxín, e polo tanto, “é un ben patrimonial de ambos concellos”. Os e as socialistas denuncian que nos últimos días “vimos de contemplar publicacións nas redes sociais do señor Redondo e do concello de San Amaro, nas que se oculta por completo que o castro é tamén un ben patrimonial de Punxín”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, explica que “ante o silencio e a calada do grupo de goberno de Punxín, formado polo PP e CxG, vémonos na obriga de saír a defender o noso patrimonio, ao noso municipio e a nosa veciñanza”. A edil socialista considera que “namentres o alcalde de San Amaro ningunea ao noso concello, sen mencionar a Punxín nun acto publicitado e no que participan a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, o alcalde e os seu equipo de goberno permanecen calados e sen saír a defender os intereses de Punxín”.

Peleteiro Vázquez subliña que os e as socialistas “vémonos na obriga de defender o noso patrimonio, para evitar así que nos ninguneen e nos esquezan, xa que tal e como todo o mundo sabe o castro de San Cibrao de Lás, tamén pertence a Punxín”.

Dende o PSdeG-PSOE de Punxín instan ao grupo de goberno municipal a “defender os intereses de Punxín e a súa veciñanza e a condenar publicamente o que consideran un menosprezo a Punxín por parte do concello de San Amaro, o seu alcalde, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia”.