O Pulpo do Carballiño, protagonista na feira gastronómica "Xantar"

3, Febreiro 2016

O pulpo do Carballiño erixiuse en protagonista da inauguración da feira gastronómica Xantar, que se celebra no recinto de Expourense.

Unha vez máis, o produto gastronómico carballiñés por excelencia, o pulpo á feira, acadou o interese das autoridades que asistiron á inauguración desta feira e detivéronse a degustar o pulpo, o pan de cea e o viño do Ribeiro, que se ofrecían no stand instalado pola mancomunidade turística Terras do Avia, á que pertenece O Carballiño.

O alcalde, Francisco Fumega, e os concelleiros de Turismo e Cultura, José Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente, oficiaron de anfitrións da mancomunidade ante o presidente da Xunta e o resto da nutrida a comitiva oficial que se detivo un bo anaco de tempo, durante o recorrido que fixeron polos stands da feira.

Ademáis, nesta ocasión, contaron cun convidado moi especial, o chef carballiñés, galardoado recentemente cunha estrela Michelín, Manuel Domínguez, do restaurante Lúa de Madrid.

Dous pulpeiros coceron varias ducias de quilos de pulpo, que se ofreceron para ser degustadas polas personalidades convidadas. Así, ademáis do presidente da Xunta, estiveron no stand do Carballiño, o presidente da Deputación provincial, o alcalde de Ourense, o presidente do Parlamento de Galicia e directivos das empresas que patrocinan a Festa do Pulpo.

O  venres, día 5, será o día dedicado ás Terras do Avia, e os alcaldes do Carballiño, Leiro e Ribadavia protagonizarán un acto no que se promocionará a gastronomía e o turismo nos seus respetivos concellos.