O Ribeiro marida os seus viños coa arte e coa música nunha nova edición de “Cata a Arte” que se desenvolverá os días 14, 21 e 28 de novembro

31, Outubro 2024

O Consello Regulador do Ribeiro, en colaboración coa Deputación a través do Centro Cultural Marcos Valcárcel, promove un ano máis un proxecto de maridaxe dos seus viños coa arte e coa música na que vai ser a décima edición de “Cata a Arte”.

Esta iniciativa, altamente consolidada ao longo dos anos, desenvolverase os días 14, 21 e 28 de novembro. Cata a Arte consiste na cata de viños dunha adega acollida a denominación e orixe Ribeiro no entorno dunha exposición artística e complementada cun concerto musical de entre 30 e 40 minutos. O elemento artístico é aportado polo Centro Cultural Marcos Valcárcel e o apartado musical desta edición correrá a cargo de Los Camachuelos (14 de novembro), Perrito Piloto (21 de novembro) e En Mala Hora (28 de novembro).

A novidade desta edición está en que o acceso será con entrada, cun prezo de 5€ por sesión que se deberá adquirir a través do portal electrónico Entradium.com, sendo un ano máis un evento solidario que destinará todo o diñeiro recadado a Aixiña.

O vicepresidente da Deputación, César Fernández, salientou o aspecto de compromiso social corporativo tanto do ribeiro como da Deputación para apoiar esta iniciativa dende o seu nacemento e puxo de manifesto que “o éxito de Cata a Arte demostra que viño do ribeiro, arte e música maridan moi ben”.

A presidenta do Consello Regulador do Ribeiro, Concha Iglesias, tamén incidiu no compromiso das adegas con esta vertente social e na absoluta consolidación desta actividade ao longo dos anos. “Dende o seu nacemento, o Consello Regulador e o Centro Cultural Marcos Valcárcel fomos da man neste proxecto e estamos moi orgullosos de poder seguir xuntos”, dixo a presidenta.

Xan Jardón, director xerente de Aixiña, agradeceu o apoio e a visibilización que se da con esta actividade á organización que dirixe, onde salientou que hai 125 persoas traballando, nunha institución que ten como misión traballar por e para as persoas con discapacidade.