O secretario xeral de Emigración visita no Carballiño a un emigrante retornado emprededor, beneficiario das axudas concedidas pola Xunta

28, Xaneiro 2020

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, avogou hoxe na súa visita a O Carballiño polo retorno emprendedor galego como eixo vertebrador sobre o que impulsar o reto demográfico e as melloras no eido empresarial.

O Secretario Xeral achegouse esta mañá no Carballiño á tenda de José Antonio Cota, emigrante retornado, que reabríu a antiga bouqtique do pan de panadería Manolo, na avda. de Julio Rodríguez Soto.

“Desde a Xunta estamos a traballar no retorno do talento galego espallado polo mundo”, salientou Miranda durante a súa visita a unha panadería artesá situada en O Carballiño. José Antonio Cota, emprendedor de 51 anos que regresou de México para impulsar unha Boutique na que ofrece, entre outros produtos, o tradicional pan da panadería Manolo, tradicional na vila ourensá, e que nas próximas datas incorporará produtos mexicanos a súa oferta.

“José Antonio amosa como se pode emprender recuperando un oficio tan antigo como o de panadeiro dende outra perspectiva innovadora”, proseguiu o secretario xeral, quen destacou as facilidades ofrecidas nesta volta á casa polo programa de apoio ao retorno emprendedor.

Estas axudas, explicou Miranda, están dotadas dunha contía fixa de 5.000 euros por cada retornada ou retornado emprendedor, que pode incrementarse en 1.000 euros máis se se trata dunha muller, e noutros 2.000 se, ademais, o negocio está establecido nun concello rural. O máximo que se pode obter por cada un dos beneficiarios ou beneficiarias será de 8.000 euros.

Desde a posta en marcha do programa, Miranda destaca que foron postos en marcha un total de 188 proxectos co apoio da Xunta. Destes, o titular do departamento autonómico subliña que no último ano a provincia de Ourense presentou un total de 13 proxectos, repartidos en 6 municipios: Ourense, Barbadás, Celanova, O Carballiño, Cualedro e Parada de Sil.