O socialista Iago Fariñas propón ao concello a organización de charlas informativas sobre a concentración parcelaria nas distintas parroquias

29, Setembro 2016

O Portavoz do Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo, Iago Fariñas Valiña,presentou unha moción para que a institución municipal promova charlas informativas obre os proxectos de concentración parcelaria, charlas informativas que se organizarían nas distintas parroquias do municipio.

Expón o concelleiro que no Concello de O Irixo "existe unha maioritaria fragmentación da propiedade da terra que entendemos dificulta o crecemento das explotacións agrarias, a utilización da maquinaria, un correcto aproveitamento da terra e en definitiva que a maioría da terra esté en estado de abandono e sen probabilidade de aproveitamento e explotación o que podería dificultar o desenrolo e progreso do propio Concello de O Irixo. Recorda Iago Fariñas como a Xunta de Galicia, dende a Consellería de Medio Rural, pretende cos procesos de concentración parcelaria conseguir unha ordenación da superficie agraria que permita un uso adaptado ás necesidades agrícolas e forestais de cada zona consistente na "agrupación de diversas fincas rústicas de reducida extensión, para unificar e facilitar o cultivo".

Subliña que a concentración parcelaria xa se fixo na maior parte dos países europeos, nos que como no caso de Galicia, por motivos históricos, as parcelas fóronse dividindo por herdanzas provocando na súa maioría un fraccionamento excesivo das fincas rústicas, esta concentración posibilitou o crecemento, progreso e desenrolo de moitos concellos e lugares ó poder xerar riqueza das súas terras abandonadas. Tamén fai referencia o concelleiro socialista a como recentemente os veciños e veciñas da parroquia de San Cosme veñen de acordar e solicitar a Concentración parcelaria para a súa parroquia.

Esta solicitude, así como as reunións informativas previas, son iniciativa dos propios veciños e veciñas e dende o Concello de O Irixo débense apoiar sen lugar a dúbidas. Manifesta que "unha vez se tivo coñecemento por outros veciños e veciñas das iniciativas da parroquia de San Cosme, son moitos os veciños e veciñas ós cales lles gustaría recibir canto menos información do proceso de concentración parcelaria, algúns destes veciños e veciñas, os menos, aínda sendo doutras parroquias, acudiron as reunións informativas de San Cosme, pero deberíase informar deste proceso ó resto de parroquias".

Os Socialistas entenden que respetando sempre a vontade dos veciños e veciñas que serán os que ó final decidan que queren facer, se debe, dende o concello, organizar unha serie de reunións informativas por parroquias con técnicos da Consellería de Medio Rural e algún profesional independente, sobre o proceso de concentración parcelaria, beneficios da mesma (que son moitos) e inconvintes (que tamén existen) e que sexan os propios veciños e veciñas os que con toda a información poidan, se queren, solicitar que se inicie na súa parroquia o proceso.