O Socialistas de Leiro esixen a apertura da Biblioteca

31, Agosto 2012

O secretario de Educación do PSdeG de Leiro, Iván Barreiro Rodríguez, denuncia o “desleixo e a falta de interese” do PP de Leiro coa cultura, xa que a biblioteca municipal leva pechada dende o pasado 21 de agosto e permanecerá así ata o vindeiro 7 de setembro.

 A falta de persoal é a razón esgrimida polos populares para tal feito, segundo afirma Barreiro, pois a responsable da mesma encontrase de vacacións e o grupo de goberno local non ten intención de encontrar substituto/a, denotando un “absoluto pasotismo”.

 Neste sentido, reafirmarse de novo a nula implicación do PP coa cultura, sobre todo cos nenos e coa xente maior que esixen dispor do servizo de biblioteca na tempada de verán, que é cando os cativos dispoñen de maior tempo de lecer e, precisamente, cando no concello non existe ningunha outra actividade.

 Os socialistas de Leiro destacan o descaro co que o grupo de goberno alardea de superávit nas contas mentres ocorre isto. “Din que dispoñen de diñeiro nas arcas municipais pero non son quen de contratar a unha persoa que substitúa á bibliotecaria”.

 Neste sentido, nin sequera tentaron buscar a unha persoa que, de forma voluntaria, quixera abrir a biblioteca sen contraprestación algunha. “Simplemente gobernan para pasar o tempo”, sentencia.