O Templo da Veracruz acolle este venres dia 5 o "1º Concerto Xacobeo en Cámara" coa Orquestra de Cámara Galega

3, Agosto 2022

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta maña ao concello do Carballiño para participar, xunto coa comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, na presentación do 1º Concerto Xacobeo en Cámara, onde tamén estiveron presentes a directora de institución de CaixaBank, María Jesús García Piñeiro, o director da Orquestra de Cámara Galega, Rogelio Groba, e o párroco do Carballiño, Jorge Juan Pérez.

O delegado territorial explicou que o Xacobeo en cámara é unha proposta que xungue modernidade e tradición por medio da realización de concertos en lugares que, de seu, manifestan un enorme interese como destino turístico diferente, único e especial, non só durante o Xacobeo. Deste xeito, o delegado agradeceu a implicación da Fundación La Caixa no patrocinio desta serie de concertos da Orquestra de Cámara Galega, que forman parte da programación do Xacobeo 2021-2022; o eixo principal da cultura ao longo do ano que mantén unha oferta espallada por toda Galicia, sumando esforzos cun obxectivo común.

Gabriel Alén informou que o vindeiro 5 de agosto, no Templo da Veracruz do Carballiño ás 21:00 horas, desenvolverase o concerto da Orquestra de Cámara Galega que será de balde e terá unha duración duns 80 minutos. O repertorio contará con obras coñecidas de autores como Holst, Britten, Grieg entre outros e sempre haberá un espazo para escoitar obras de compositores españois como Albéniz, Malats ou Groba.

“O Camiño é desde os seus inicios unha vía importante de desenvolvemento cultural e foi un dos piares fundamentais da construción cultural europea” – manifestou Gabriel Alén- engadindo que “ todo ese camiño deixou un sinal patrimonial importantísima que se reflicte nas innumerables igrexas, mosteiros, pazos e castelos onde foron focos vehiculares das facetas artísticas que marcaron unha historia de viaxes e coñecemento”.

“Así, a literatura, a pintura e a música foron, son e serán piares fundamentais da construción cultural europea”; subliñou o delegado territorial, que significou a unión da tradición e o patrimonio histórico e artístico dunha coidada selección de espazos declarados como Bens de Interese Cultural unida á creación autóctona do noso país que marca claramente nosa fantástica singularidade onde a historia e a modernidade danse a man para maior goce dun espazo artístico único; e nese contexto, “a aportación da Orquestra