O X Congreso do Centro de Estudos Chamoso Lamas profundará na investigación das comarcas do Ribeiro e O Carballiño

18, Abril 2016

O X Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas reunirá a un grupo importante de investigadores que presentarán máis de medio centro de ponencias e comunicacións sobre distintas materias da comarca.

Entre os traballos inéditos que se darán a coñecer figuran ponencias sobre a mineiría do estaño e do wolfram, así como da aurífera na época romana, que foron moi relevantes na comarca do Carballiño.

E destacan, tamén, outros traballos sobre o patrimonio das árbores senlleiras, e as memorias da limpeza de Castro Cavadoso e do castro de Cameixa, que se vai a reescavar dentro de pouco, tras máis de 70 anos de que o fixeran Xocas e Florentino López Cuevillas.

O Congreso, que leva por título: O HOME E O MEDIO. OS ESTUDOS COMARCAIS COMO BASE DA INVESTIGACIÓN, celebrarase por primeira vez na sede do centro de estudios en Cabanelas, na Casa de Bexanca, do 14 ao 16 do próximo mes de maio.

Miguel García, secretario do centro de estudios, asegurou, durante a presentación do programa, que se trata dun hito histórico, pois probablemente ningunha outra comarca de Galicia teña tantos traballos publicados como a do Carballiño.

No mesmo sentido se pronunciou o presidente desta entidade, Xosé Luis Sobrado, quen destacou a herencia investigdora do centro de estudios tras máis de 300 traballos publicados nas máis diversas materias.

Segundo Sobrado, este congreso, que ten carácter bianual, é o único que sobreviviu no tempo e, tras vinte anos, amosa unha fortaleza extraordinaria, como o demostra e número de ponencia e comunicacións presentadas, que vai “in crecendo” cada ano.

Finalmente, Jorge Lamas, responsable da área de prehistoria, historia antiga e arqueoloxía, asegurou que se había vinte anos a comarca do Carballiño non era relevante nestas materias, hoxe é unha das comarcas máis importantes de Galicia tanto polo seu patrimonio como pola investigación realizada.

Este congreso conta coa colaboración da Universidade de Vigo e vaise presentar por primeira vez ante o profesorado de ESO e bacharelato dos centros educativos da comarca. De feito, o centro de estudios ultima a concesión de diplomas de 28 horas pola consellería de Educación ao profesorado que acuda ao congreso, e outro diploma de 30 horas pola Universidade de Vigo para os alumnos inscritos.

Na páxina web do centro de estudios figuran todos os requisitos para poder matricularse neste congreso, así como o programa previsto.

Xosé Luis Sobrado fixo un chamamento esta mañá aos estudantes e a todos os carballiñeses en xeral para que se matriculen neste congreso e asistan ás ponencias, así como aos actos lúdicos programados.