Orquestras, charangas, concursos e dous grandes desfiles no Entroido e na Festa da Cachucha 2020

10, Febreiro 2020

As festas do Entroido e da Cachucha deste ano contarán con moita animación musical de rúa. Tres orquestras (Gran Parada, La OcaBand e D´Moda), e seis charangas (Castro Bello, Doctor Anchoa, Ardores, CLK, Noroeste e Asociación Cultural Cobre), así como a batukada Percucar e o grupo folk tradicional Feitizo de Pau, farán o aporte musical nas verbenas e pasarrúas destas festas, que se desenvolverán entre o 18 de febreiro e o 1 de marzo, coa celebración da XXVI Festa da Cachucha.

O programa inclúe tres concursos de disfraces, peñas e comparsas (Sábado, 22, Festa-Concurso Infantil de Disfraces; luns, 24, Gran Concurso de Peñas “A Rutas dos Mil”; martes, 25, Gran Concurso de Comparsas do Martes de Entroido) e tres desfiles de comparsas (Martes de Entroido e dous o Domingo de Piñata), ademáis dun concerto do Conservatorio e da Escola de Música, unha exhibición da Escola de Danza, un obradoiro de máscaras, Contacontos musical de entroido, unha festa vaqueira, e a murga Os Liborianos, que interpretarán as súas coplas o domingo de entroido na Praza Maior.

Tampouco faltará a escenificación do enterro da sardiña o mércores a cargo de Aspadisi. A XXVI Festa da Cachucha terá unha das maiores participacións de restaurantes da súa historia, con 26 establecementos e outros 4 que xa teñen as reservas pechadas, e contará nos dous desfiles da mañá e da tarde, ademáis das comparsas gañadoras do Concurso do Martes de Entroido e outras comparsas convidadas, coa participación dos grupos tradicionais do entroido oriental ourensán, Arrieiros de Petín, Folión de Fradelo e o Folión de Tameirón.

O programa destes eventos foi presentado hoxe polos concelleiros de Cultura e Turismo, Diego Fernández e Manuel Dacal, respectivamente. Diego Fernández dixo que nestes últimos anos o entroido, e sobre to a Festa da Cachucha, adquirirán un auxe extraordinario, e que o programa deseñado vai dirixido a todo tipo de público, con moita animación de rúa. Agradeceu a implicación do sector hostaleiro, sobre todo na Ruta dos Mil do luns, que repartirá 1.500 euros en premios.

Manuel Dacal asegurou que a XXVI Festa da Cachucha ía a ser a de maior participación de locais hostaleiros da historia, con 30 locais participantes, e que xa había catro que tiñan pechadas as reservas do seu espazo, o que amosa a forte implicación da hostalería nesta celebración gastronómica.

Tamén dixo que desde o concello estase ultimando a tramitación da documentación necesaria para que esta festa sexa declarada de Interese Turístico de Galicia, e agradeceu a todos os departamentos municipais, así como á Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e Grupo de Emerxencias a súa colaboración con estes eventos.