Os alcaldes de Maside e O Carballliño reúnense cos responsables do IGVS para avanzar no proxecto intermunicipal de solo empresarial

14, Xaneiro 2021

Os concellos de Maside e O Carballiño comunican que "dando cumprimento ao recollido na cláusula primeira do convenio urbanístico, asinado recentemente polos concellos do Carballiño e Maside, o pasado mércores, 13 de xaneiro, tivo lugar na sede en Santiago do Instituto da Vivenda e Solo (IGVS) unha reunión para tratar a incorporación do ámbito de actuación para desenvolver a ampliación do parque empresarial do Carballiño".

A referida ampliación completará o solo dispoñible no termo municipal carballiñés e mesmo ocupará setenta hectáreas no limítrofe municipio de Maside. Na reunión estiveron presentes o director xeral do IGVS, Heriberto García, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega e o rexedor masidao, José Manuel Iglesias. Estiveron acompañados polo técnico do IGVS, Ricardo Valencia e polo técnico municipal de Maside, Óscar Gónfer.

Acordouse incluír o novo ámbito a desenvolver en ámbolos dous municipios para o que se barallan dúas vías, o desenvolvemento como ampliación do parque empresarial existente do Carballiño ou como nova actuación para o que se precisaría modificar o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta segunda opción é a que parece contar con máis posibilidades, aproveitando que neste momento o IGVS acomete unha modificación do Plan.

En canto á delimitación proposta no convenio urbanístico asinado recentemente polos dous concellos, estes dispoñen dun mes para achegar ao IGVS documentación xustificativa das conexións coas vías da contorna e cos servizos, así como unha análise da capacidade das redes urbanas municipais co fin de avaliar e mesmo reconsiderar a extensión da ampliación proposta.