Os bombeiros do Carballiño rescatan a 4 persoas feridas en accidentes de tráfico rexistrados nos concellos de Avión e Vilamarín

7, Agosto 2022

En total, tres persoas resultaron feridas e dúas delas tiveron que ser excarceradas polos Bombeiros do Carballiño neste accidente no termo municipal do concello de Avión, os servizos sanitarios trasladaron aos tres feridos ao centro hospitalario.

Sucedeu nesta mañá de domingo, ao fío das sete e media. Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia, a esa hora, para informar dunha saída de vía con persoas feridas na OU-212, no punto quilométrico 2, no termo municipal de Avión.

Con estes datos, os xestores do 112 Galicia pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros, que decontado se desprazaron ao punto. Ademais, informaron á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Avión..

Doutra parte, nesta pasada noite do domingo unha muller e única ocupante do vehículo que conducía foi liberada polos Bombeiros do Carballiño, tras quedar atrapada no seu interior despois de saírse da vía cando circulaba pola OU-0527, punto quilométrico 6, en Vilamarín.

A condutora, durante a chamada que realizou ao 112 para pedir axuda, aseguraba que estaba ben, que se saíra da vía pero que non podía saír do coche, estaba atrapada. Por iso, nada máis ter constancia do accidente, o 112 Galicia informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros e á Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar e tras rematar a súa intervención, os Bombeiros confirmaron a excarceración da muller ferida, que foi trasladada polos servizos sanitarios ao Hospital Clínico Universitario de Ourense.