Os concellos de Boborás e San Cristovo de Cea participan de "Cóntame un mundo", unha iniciativa que comparte a arte de contar historias e promover o patrimonio inmaterial.

21, Xuño 2023

Catro narradoras galegas percorrerán as vilas e aldeas de oito concellos de menos de 5 mil habitantes: A Baña, Boborás, Dodro, Friol, Rois, San Cristovo de Cea, Touro e Vilarmaior, co propósito de compartir a arte de contar historias e promover o seu patrimonio inmaterial. Esta iniciativa desenvolverase íntegramente en galego. En Boborás xa tivo lugar unha primeira xornada celebrada este pasado sábado no campo da festa de Feás.

Durante os meses de xuño, xullo e agosto, a equipa de Cóntame un mundo levará a cabo máis de 40 actividades para recoller e salvagardar as historias vividas en cada lugar, ademais daqueles mitos e lendas que se transmitiron de xeración en xeración a través da comunicación oral. Todas as actividades e novidades do proyecto pódense consultar na súa páxina web: contameunmundo.org.

As persoas que habitan no rural, dende os máis novos ata os maiores, serán as protagonistas. Preténdese xerar un intercambio de coñecementos entre elas que favoreza a conservación e pervivencia da cultura propia.

Este proxecto levarase a cabo grazas aos fondos europeos Next Generation no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea; co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais dentro do programa Territorio Cultura dedicado á ampliación e diversificación da oferta cultural en zonas non urbanas; e grazas á colaboración dos concellos participantes e algunhas das súas parroquias.