"Os Coribantes" ofrece este sábado no auditorio un gran espectáculo de música e danza tradicional

26, Abril 2018

O grupo Os Coribantes ofrecerá este sábado, 28 de abril, no auditorio municipal do Carballiño, un concerto extraordinario de primavera para presentar o seu novo repertorio con temas inéditos e que incorporan ademáis dos instrumentos musicais tradicionais de Galicia outros foráneos.

Asemade, contarán coa colaboración de músicos de Son de Seu e incluso un do Carballiño, Manuel Fernández, que é percusionista. En total, actuarán arredor de 50 persoas, dende nenos e nenas de 6 anos a mozos e mozas de 25. O concerto comezará ás 20,00 h., e será gratuito.
O evento foi presentado esta mañá polo concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; o director do grupo, Andrés Lorenzo, e o presidente, Ángel Rodríguez.

Dacal agradeu a deferencia de Os Coribantes por acudir por vez primeira ao Carballiño, e por elexir o auditorio da vila para presentar en primicia o novo espectáculo do grupo. Por isto, convidou aos veciños do concello e da comarca, así como do resto da provincia, a asistir a este magnífico concerto, que será totalmente gratuito.

Andrés Lorenzo amosouse entusiasmado por actuar no Carballiño, e dixo que o facían con moita ilusión, e que esperaban ofrecer un gran espectáculo. Ao respecto explicou que o concerto mestura música tradicional con música foránea, creando un programa moi atractivo e variado.

Ángel Rodríguez tamén se amosou orgulloso de estar no Carballiño, e convidou a toda a xente a asistir ao concerto, no que se ofrecerá un tipo diferente de música á dos demáis grupos de gaitas, que non deixrará indeferente a ninguén.

O concerto terá unha duración de entre unha hora e media e dúas horas, no que algunhas das pezas interpretadas serán bailadas, e na que se estrenarán seis cancións, que forman parte do novo repertorio do grupo.