Os promotores da Iniciativa Popular Local denuncian que o alcalde de Maside incumpre a lei do Valedor do Pobo

12, Xuño 2018

Así o denuncian desde a Iniciativa Popular Local que se presentou no Concello de Maside o 12 de xaneiro de 2016, e que tiña por finalidade a celebración dun Pleno no que se rexeitase unha instalación de incineración de pneumáticos nun monte veciñal en man común por ser unha actividade que contravén a Lei de Montes de Galicia, subliñan dende o colectivo que promoveu a IPL.

Segundo indican desde a Iniciativa, o alcalde "non soamente non convocou o Pleno conculcando un dereito fundamental consagrado na Constitución española de 1978, senón que tachou a esta iniciativa como un brazo político armado ao servizo do PP", feito que foi denunciado ante a Fiscalía Provincial de Ourense, que abriu dilixencias de investigación penal e arquivounas.

Unha vez coñecido o arquivo de dilixencias de investigación penal, a iniciativa solicitou o amparo do Valedor do Pobo para que o Pleno se celebre e o Valedeor requiriu documentación ao Concello. O alcalde de Maside, "non remitiu ao Valedor do Pobo a documentación solicitada incumprindo o artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo", remarcan

Desde a iniciativa denuncian "este incumprimento flagrante da Constitución e a lei".

Manifestan que se é necesario acudirán aos tribunais para "defender os seus dereitos fundamentais e denunciar un delito de odio por tachalos de brazo político armado ao servizo do PP, e prevaricación administrativa por facer caso omiso ao ordenamento xurídico vixente"

Engaden que "non se pode difamar impunemente a 771 persoas e conculcar os seus dereitos fundamentaiis", a anuncian que acudirán ao "Defensor del Pueblo", para que interveña.