"Os sábados a escea" ofrecerán teatro e gastronomia no Carballiño

22, Febreiro 2016

O auditorio municipal do Carballiño convertirase estes próximos meses nun referente cultural e gastronómico das vilas en Galicia. O ciclo de monólogos “Carballiño Comedy”, estrenado o pasado sábado con gran éxito polo humorista Javier Veiga, compartirá o auditorio municipal durante as fins de semana cun ciclo das mellores obras teatrais galegas, que se representarán os últimos sábados de cada mes.

Pero esta iniciativa ten, ademáis, un valor engadido, porque coas entradas para o teatro, a hostalería local oferta un desconto no prezo da cena.

Baixo a denominación de “Os sábados a escea”, a concellalía de Cultura inicia o próximo sábado, 27 de febreiro, a programación de catro obras de teatro galego, tres comedias e un drama, que farán que O Carballiño ofreza unha carteleira moi suxestiva ata o mes de xuño.

O ciclo comeza coa obra “AS DO PEIXE”, da compañía “Abrapalabra Creacións Escénicas”, que conta con catro actrices de renome no panorama teatral galego, como son Susana Dans, Mónica Caamaño, Casilda Alfaro e Rocío González.  

Esta comedia foi unha das máis galardoadas nos Premios María Casares do ano 2014. Concretamente, recibiu a galardón ao mellor texto orixinal (Cándido Pazó), á mellor dirección (Cristina Domínguez) e á mellor actriz protagonista (Susana Dans).

Precisamente, o feito de ser obras premiadas ou optar aos Premios María Casares este ano 2016, que se fallarán en marzo, son características comúns das catro obras que forman parte deste ciclo teatral.

Así, no mes de marzo, o sábado 26, representarase a comedia “PERPLEXO”, da compañía “iLMAQUINARIO”, que obtivo cinco galardóns na última edición dos premios María Casares, por mellor espectáculo, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor adaptación e mellor dirección.

O 30 de abril, tocaralle a quenda á compañía Teatro do Atlántico, coa obra dramática “PRINCIPIO DE ARQUÍMEDES”, que conta cun elenco de artistas da talla de María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Viéitez. Esta obra é unas das firmes candidatas aos premios María Casares deste ano 2016.

E, finalmente, o sábado 28 de maio, represéntase a comedia “NOITEBOA”, da compañía “Redrum Producciones”, que tamén opta aos premios María Casares do 2016. No seu elenco actoral figuran Ernesto Chao, Mela Casal e Guillermo Carbajo.

As representacións terán lugar todas ás 20,30 h., e terán un prezo de 5 euros, pero coa entrada haberá un desconto do 10% nas ceas dos 29 mesóns e restaurantes incluidos na “Ruta das Tapas”.

Deste modo, a hostalería carballiñesa e a cultura van da man, nunha perfecta maridaxe entre o teatro e a gastronomía.