Os socialistas comprométense a "gobernar para as persoas" nun acto que contou coa presenza da ministra Nadia Calviño

29, Marzo 2019

Ademáis da Ministra, o alcalde Francisco Fumega e a candidata nº 1 ao congreso Marina Ortega tamén tomaron a palabra neste "Encontro coa Cidadanía" celebrado no comedor do Restaurante Derbi do Carballiño "ateigado de numeroso público", valoran dende o propio PSOE.

A ministra galega no goberno de Pedro Sánchez destacou os acordos deste mesmo venres adoptados no Consello de MInistros para loitar contra o reto da despoboación do rural, con diversas medidas estratéxicas que inclúen un plan de dixitalización do ámbito xeográfico rural do que se beneficiarán os concellos con menos de 5.000 habitantes.

Tamén fixo referencia Nadia Calviño ao Real Decreto que permitirá aos concellos a destinar o superavit de 2018 a investimentos sostibles durante este ano 2019, ademáis da financiación de obras "gobernando para as persoas" e "destinando a servizos sociais o que antes estaban obrigados a dedicar a amortización de débeda", destacando que o goberno do que forma parte "é un goberno responsable que trata de compaxinar a ambición social coa xestión eficiente dos recursos públicos".

A candidata nº 1 ao congreso pola provincia de Ourense, a carballiñesa Marina Ortega asegurou que neste tempo que o PSOE leva no goberno "aumentaron as becas e as axudas en material escolar, revertironse os recortes da LOMCE e aumentaron as bolsas dos comedores escolares".

A concelleira carballiñesa tamén se referíu á aposta socialista por recuperar o rural e pedíu o apoio incondicional ao proxecto de Pedro Sánchez "`para non padecer máis os experimentos da dereita".

Tanto o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega como o Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamaron a unha movilización masiva cara as próximas citas electorais que "os socialistas encaramos con proxectos, programas e argumentos para lograr un pais mellor".