Os socialistas critican a xestión económica no concello de Leiro e advirten da existencia de "máis de medio millón de euros pendentes de cobro en impostos e taxas"

23, Marzo 2019

O PSdeG-PSOE de Leiro cuestiona a xestión económica que o Partido Popular leva realizando no concello nas últimas tres décadas, despois da última comisión de contas celebrada na casa do concello.

Os socialistas denuncian a existencia de máis de medio millón de euros pendentes de cobro, en conceptos de impostos e taxas municipais e que teñen a súa orixe en 1990. Os socialistas de Leiro afirman que “unha parte moi importante destes cobros pendentes, correspóndese con contribucións e impostos de vehículos, que supoñen case o 70% do total. Case a metade destes dereitos pendentes de cobro figuran nas contas do concello como de dubidoso cobro e destes, a maioría, xa prescribiron, polo que non se van a cobrar”.

O voceiro socialista no concello, Manuel Rodríguez, indica que “evidénciase que en Leiro uns veciños pagan impostos e taxas e outros non, pese a que o alcalde presume de que na xestión de cobro , de impostos e de taxas alcánzase o 97% de eficacia, afirmación que unha vez máis desmenten os datos”.

Os socialistas tamén lles chama poderosamente a atención que nos anos nos que máis se deixan de pagar impostos e taxas en Leiro, sexan, supostamente, os anos que coinciden coa eleccións, coma aconteceu entre 2007 e 2018, e nos que coincidiron, coma noutros concellos , ata trece convocatorias electorais para municipais, autonómicas e xerais.

O PSdeG-PSOE de Leiro segue a criticar abertamente o goberno do Partido Popular e a súa xestión económica "nunha vila paralizada e na que cada vez as inversións son menos produtivas para o conxunto dos veciños e favorecen intereses partidistas", subliñan.