Os socialistas esixen explicacións pola ubicación dun transformador eléctrico na estrada de Fondo de Cea

23, Xuño 2017

O PSdeG-PSOE de San Cristovo de Cea vén de rexistrar un escrito esixíndolle ao goberno do PP que faga pública a autorización pola cal deixou colocar un transformador de enerxía eléctrica ao pé da estrada que vai a Fondo de Cea, co perigo considerable que supón para os usuarios.

Afirman que "as imaxes do transformador e da plataforma correspondente non deixan lugar a dúbidas do incomprensible da decisión adoptada polo goberno municipal ao permitir ubicar esta estrutura case a cabalo da vía municipal".

"Os veciños alertados por esta decisión expresáronlle aos socialistas numerosas queixas polo agravio comparativo que supón esta decisión en comparanza coas esixencias que se aplican coa cidadanía en xeral. Sábese que o transformador se colocou para subministrar enerxía eléctrica ao polígono industrial do concello pero non se coñecen as razóns de permitir que fose nese emprazamento en concreto", manifestan.

A este respecto, Guillermo F. Dopazo, portavoz socialista no Concello de Cea, sinala que: “Ao común dos mortais non lle deixan facer obra ou colocación de ningún tipo sen o debido retranqueo que respecte unha mínima distancia de seguridade por iso non sorprende que dende o concello se permita a construción dun transformador case enriba da estrada que vai a Fondo de Cea. Debido a que a vía é municipal, o permiso tamén ten que selo polo que lle esiximos ao alcalde que nos ensine as autorizacións e os informes para saber en base a que se permite isto”.

Dende o PSOE agardan que pronto lle dean acceso ao expediente de autorización para coñecer de primeira man os criterios que levaron ao goberno do PP a autorizar esta instalación, co perigo que supón para as persoas que empregan esa estrada a diario.

A devandita estrada é estreita e une a nacional co núcleo de Fondo de Cea polo que para os socialistas é preocupante que se coloque un transformador eléctrico a carón dunha vía por onde xa pasan dous vehículos con dificultade. A plataforma está tan pegada á estrada que pode ocasionar máis dunha situación de risco para os usuarios e máxime se temos en conta que se trata dunha instalación eléctrica. Preocupados pola situación de perigosidade, dende o PSOE esixen que se dean as explicacións axeitadas a respecto desta decisión difícil de comprender dende o senso común. Asemade agardan que esta obra conte con todos os permisos requiridos como sempre se lle esixe ao resto dos veciños á hora de obrar nos seus terreos ao pé das estradas.