Os socialistas esixen á Xunta que abra a residencia de maiores con xestión pública

20, Novembro 2014

Os socialistas galegos demandaron no Parlamento á Xunta que poña en marcha de forma inmediata a residencia para persoas maiores O Cornuval no Concello de O Carballiño e que teña xestión pública.

“As obras remataron hai dou anos, tiveron un custo de 6,7 millóns de euros e deben ser xestionadas desde o público, como pasa coa parte máis antiga da residencia”, asegurou hoxe Carmen Gallego na Comisión de Sanidade, durante a explicación dunha proposición non de lei dos socialistas sobre este tema que foi rexeitada polo PP.

A viceportavoz socialista apuntou que “en setembro, tanto a conselleira de Traballo como o alcalde do Carballiño adiantaron a posible xestión privada, o que reflicte unha vez máis a estratexia do PP en políticas sociais”. O PSdeG advirte ademais de que a Xunta de Feijóo “retrasa as aperturas de centros para que pareza que son autoría do seu goberno”.

“O Grupo Parlamentario Socialista considera que os centros que foron construídos con fondos públicos para prestar atención en materia de Servizos Sociais deben ser xestionados desde o público, pois só así garantiremos igualdade e calidade na prestación das políticas sociais”, manifestou Gallego.

“As empresas privadas que operan neste sector xa teñen un nicho de mercado naquelas persoas que deciden libremente optar por estas, pero dende a política pública os gobernos teñen que garantir que calquera persoa que o queira poida ingresar nunha praza pública, pois os Servizos Sociais son un dereito universal”, engaden os socialistas.