Os Socialistas instan ao Concello a elaborar un plan municipal de promoción da autonomia persoal e prevención da dependencia en persoas que viven soas no Irixo

6, Abril 2018

O Voceiro do Grupo Municipal Socialista do Concello do Irixo, Iago Fariñas Valiña, ven de presentar unhaMOCIÓN PARA ELABORAR UN INFORME/DIAGNÓSTICO E UN PLAN MUNICIPAL DE PROMOCIÓN DA AUTONOMÍA PERSOAL E PREVENCIÓN DA DEPENDENCIA EN PERSOAS NECESITADAS E QUE VIVAN SOAS NO IRIXO, en base á seguinte:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

PRIMEIRO.-A soidade afecta a numerosos fogares do denominado "mundo desenvolvido", sobre todo desde que a esperanza de vida aumentou de forma significativa e se produciron migracións cara ás cidades. No caso do noso país, Galicia, este fenómeno difúndese polo mapa de xeito especial, establecéndose a pasos axigantados, tanto en zonas urbanas como rurais, e afectando, de forma especial, ás persoas maiores máis vulnerables. As cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE) falan por si mesmas. Do total dun millón de fogares rexistrados en Galicia o ano pasado, preto de 267.000 están integrados por unha soa persoa e desta cifra, uns 122.000 corresponden a persoas de 65 anos ou máis, sendo 19.874 persoas maiores de 64 anos as que viven soas na provincia de Ourense feito que afecta tamén significativamente o noso concello de O Irixo.

SEGUNDO.-Que Galicia é a comunidade máis envellecida de España - case o 25% do censo son persoas xubiladas-, e as provincias de Lugo e Ourense están entre as dez rexións máis envellecidas da Unión Europea (UE), segundo a axencia Eurostat. De feito, segundo datos do IGE, ata un total de 38.587 fogares estaban compostos por persoas de 65 anos ou máis no 2016 na nosa provincia. Estas cifras, nas que Ourense sempre lidera os peores postos, teñen correlación coa baixa taxa de crecemento demográfico que presenta a provincia. Como exemplo, Ourense é a provincia galega coa porcentaxe máis alta de fogares que non contan cunha soa persoa menor de 16 anos, sendo esta cifra do 81,73%. Sirvan estes datos para termos idea do problema ó que nos enfrontamos que lonxe de minorar só aumenta. A crise demográfica golpea especialmente á nosa provincia e a soidade é unha das súas máis nefastas consecuencias.

TERCEIRO.- Que recentemente acabamos de saber pola prensa que no Reino Unido a primeira ministra británica, TheresaMay, anunciou a creación dunha Secretaría de Estado para tratar un gran problema que vai unido á maior esperanza de vida e que afecta a máis de 9 millóns de persoas xoves e maiores no Reino Unido, é dicir, un 14,24% da súa poboación aproximadamente, fronte ó máis do 25% na provincia de Ourense. No caso concreto do Irixo, dicir que o 22,05% da poboación ten máis de 80 anos e máis do 31,07 % máis de 75 ano e máis do 40,75 % ten máis de 70 anos, e máis do 50,55 % da poboación ten máis de 65 anos e así sucesivamente...

CUARTO.- Que no caso do noso concello ademáis, debido a súa dispersión, existen pobos e lugares onde nalgúns casos so un veciño ou veciña habita no mesmo o que agrava esta situación de soidade ou posible desamparo. Non é nada novo os casos nos que un veciño/a do noso concello por desgracia falece en soidade pasando incluso varios días ate ser atopado/a.

QUINTO.- Que con estes datos enriba da mesa, consideramos que será hora de tomar decisións para detectar os problemas que afronta cada día este segmento de poboación: saúde, alimentación, hixiene, doenzas, acompañamento, trastornos xeracionais etc... para tentar resolver na medida do posible as súas carencias. De feito, ó poñermos a atención suficiente en evitar as consecuencias da soidade, tales coma os descoidos á hora de velar pola propia saúde e integridade, estamos contribuíndo a previr situacións de dependencia destas persoas. Hai que lembrar que as cifras nas listas de agarda para o recoñecemento da situación de dependencia coma para que efectúe a intervención, unha vez recoñecida, son alarmantes. Se fomentamos a autonomía persoal das persoas que viven en soidade, prolongaremos a súa calidade de vida e que atrasen a súa condición de usuarios/as da dependencia. Por non falar no caso do Irixo de que a maioría destas persoas viven en pobos ou lugares illados, dada a gran extensión e dispersión territorial do noso concello, polo que evitaremos o abandono dos fogares e fomentaremos certa actividade laboral vinculada con esta problemática.

SEXTO.- Que o noso concello ten entre os seus mandados, velar polo benestar da súa veciñanza, especialmente por aqueles veciños e veciñas máis vulnerables, especialmente as persoas con problemas derivados da soidade, e que viven sos a meirande parte do ano, veciños e veciñas dos que en moitos casos, nós, como administración máis achegada, non sabemos nada da súa situación. E por iso que se fai imprescindible ter unha radiografía por pobos ou lugares do noso concello, para diagnosticar que tipo de servizo é necesario implantar, teleasistencia, axuda no fogar, comida a domicilio, servizos de limpeza, acompañamento, talleres especializados, horarios de visitas veciñais, actividades terapéuticas etc. Cremos que se fai imprescindible realizar un estudo de campo para detectar ás persoas maiores que viven soas no noso concello, en situación de alto risco para deseñar as medidas necesarias co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida, poñendo os medios e creando ou aumentando os servizos a nivel individual e social.

Que dito todo o anterior, para mellorar as condicións de vida da veciñanza do Irixo, o Grupo Municipal Socialista do Concello de O Irixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal a seguinte MOCIÓN instando ó Concello a:

1º.-Que o Concello do Irixo, e no seu caso, coa colaboración de outras entidades e os servicios sociais do propio concello, elabore un informe no que se recolla o censo de persoas soas do noso concello.

2.-Que o Concello do Irixo, e no seu caso, coa colaboración de outras entidades e os servicios sociais do propio concello, poña en marcha un plan municipal, coa dotación orzamentaria suficiente, no que se contemplen medidas concretas de promoción da autonomía persoal e prevención da dependencia en persoas que vivan soas.