Os socialistas Paco Fumega, Pachi Vázquez e Maria Quintas reúnense cos traballadores críticos con Marnotes

6, Marzo 2015

O candidato do PSdeG á alcaldía, Paco Fumega, trasladou onte aos traballadores do Matadoiro, o Servizo de Emerxencias, de Axuda no Fogar e Residencia do Tempo Libre, o seu "máximo apoio nas súas reivindicacións, e o compromiso de buscar unha solución ante a inacción e a manifesta incapacidade de Marnotes".

Máis de 40 representantes deste colectivos acudiron onte a unha xuntanza co candidato á alcaldía e cos deputados autonómicos da provincia, María Quintas e Pachi Vázquez.

Fumega comprometeuse "a atopar unha solución a esta situación cando chegue á alcaldía". Pola súa parte, os deputados socialistas ofrecéronlle tamén o seu máximo "apoio e comprometéronse a facer chegar as súas reivindicacións á Xunta mediante iniciativas que presentarán no Parlamento Galego".

Os colectivos din "sentirse enganados e esquecidos polo goberno de Marnotes, e incluso castigados dende que comezaron a expresar as súas protestas polos incumprimentos do alcalde".

O PSdeG lamenta que  "Marnotes permaneza impasible ante a situación destes traballadores e considera inaceptable a actitude de desprezo e arrogancia ante as súas demandas, que non é propia dun alcalde que ten que defender aos seus cidadáns".