Os socialistas propoñen a creación da marca "O Carballiño Calidade"

26, Marzo 2015

O candidato do PSdeG á alcaldía do Carballiño, Paco Fumega, comprometeuse a facer unha aposta firme e decidida polo turismo da vila ao chegar ao goberno, con varios proxectos como a recuperación dos paquetes turísticos nos hoteis, o deseño dunha rede turística cos concellos da comarca, a potenciación do termalismo, a natureza e o patrimonio histórico e cultural e a creación da marca Carballiño Calidade.

 Así o avanzou o candidato nunha rolda de prensa xunto ao concelleiro Manolo Dacal, na que ambos destacaron que a promoción turística é un dos motores fundamentais para a dinamización económica e o progreso futuro do Carballiño.

 Dacal lamentou “os catro anos perdidos co goberno de Marnotes” nos que non só non se fixo xestión en promoción turística, senón que se deixaron totalmente abandonados puntos fundamentais para o turismo local como son o Parque Municipal, o Museo Etnográfico, o Cámping, ou as rutas de sendeirismo, como o Camiño dos Arrieiros.

 O concelleiro criticou que Marnotes tampouco foi capaz de presentar novos reclamos, ao non poñer en marcha ningunha oferta cultural ou de ocio, mentres outros puntos de referencia como a Residencia do Tempo Libre, permanecen pechados.

Sinalou que o goberno do PP só se centrou na promoción da Festa do Pulpo, que a pesar de ser importante, non pode ser a que concentre todos os esforzos do Concello. Así, preguntouse por qué non houbo o mesmo interese na promoción da Festa dos Maiores, que se deixou esmorecer, ou en programas como os Xeodestinos e Galicia Central, ou iniciativas como a Mancomunidade de Terras do Avia.

Ante a proximidade da Semana Santa, os socialistas tamén lamentaron a única promoción do turismo relixioso, agradecendo á Cofradía do Carballiño o seu esforzo neste eido, pero que non é incompatible cunha proposta de ocio e turismo do Concello que pode incluír outras actividades ou ofertas hoteleiras.

Fumega avanzou que unha das iniciativas que o PSdeG levará a cabo ao chegar ao goberno será a oferta de paquetes turísticos de actividades e aloxamento para fins de semana e datas festivas, xa que “é un investimento que ten retorno e que dinamiza a hostalaría e o comercio, non é un investimento improdutivo como outros moitos que leva feito o goberno do PP”.

Destacou tamén a importancia do termalismo e avanzou o obxectivo de incluír ao Carballiño no programa europeo de Saúde Termal. “Se queremos apostar polo turismo termal e de natureza, temos que dinamizar os balnearios e a Residencia do Tempo Libre e non podemos ter os espazos naturais abandonados”, sinalou.

O  candidato socialista propón ademais o deseño dunha rede turística en colaboración cos concellos da comarca, xa que “temos unha enorme riqueza de patrimonio histórico, natural e gastronómico” con lugares de gran atractivo como o Mosteiro de Oseira ou o Castro de San Cibrán, que poden ir acompañados dunha oferta que faga que os visitantes non veñan un só día.

Para elo, avanzou a creación da marca  “Carballiño Calidade” e da creación dun Servizo Municipal de Turismo que será o encargado de organizar por exemplo visitas didácticas de centros escolares, feiras temáticas ou propostas como os domingos gastronómicos; acompañado da promoción axeitada do Cámping municipal e da aposta polas empresas turísticas locais e a súa profesionalización.

“Non  podemos quedarnos quietos cando O Carballiño encabeza o paro e a perda de poboación desta provincia”, dixo e destacou a importancia de superar a barreira dos 15.000 habitantes, “un obxectivo que só pode vir acompañado da revitalización económica, que está directamente ligada ao turismo”. Por elo, defendeu que “en lugar de mirar para outro lado, como fixo o goberno actual, os socialistas temos clara  a importancia do turismo para dinamizar a economía, e dedicaremos os recursos e esforzos necesarios para conseguilo”.