Os socialistas propoñen unha mesa de traballo para buscar unha fórmula que garanta o servizo comarcal de emerxencias

18, Marzo 2014

O portavoz municipal do PSdeG, Francisco Fumega, lembrou que o grupo de emerxencias (GES) foille denegado ao Carballiño por ter concedido un parque de bombeiros, e que mentres este non entre en funcionamento “estamos desprotexidos ante calquera emerxencia”.

Salientou que xa hai ano e medio os socialistas presentaron unha moción, aprobada en pleno, para crear un grupo de traballo a nivel comarcal que buscase solución a esta situación pero “o alcalde non deu ningún paso dende entón, ou se presentou algunha proposta ante a Xunta non lle fixeron caso”.

Por elo, os socialistas sinalan que “ante a inactividade e ineficacia do grupo de goberno do Carballiño” tomarán a iniciativa, coa colaboración dos alcaldes de Piñor e Maside, e convidarán a todos os alcaldes da comarca a constituír unha mesa de traballo e valorar as opcións.

“Non podemos seguir nesta situación, porque se acontece algunha emerxencia estamos desprotexidos, polo que esiximos ao alcalde do Carballiño que se centre nos problemas da cidadanía, e mais neste caso que falamos de seguridade”, apuntou Fumega.

O alcalde de Piñor, Francisco Fraga, considerou “inxusto e arriscado” que mentres non haxa un parque de bombeiros non se manteña un grupo de emerxencias xa que “se sucede algún incidente quedamos desprotexidos”. Por elo, apostou por “facer forza” entre todos os concellos afectados. 

Explicou que a concesión do parque de bombeiros no Carballiño non é incompatible coa necesidade dun GES, que podería estar situado nun concello limítrofe. Destacou que así acontece por exemplo no Ribeiro, que será beneficiario do parque de bombeiros que estará no Carballiño, pero que ademais conta con un GES e un grupo de emerxencias mancomunado.

Salientou que “ata o de agora a comarca beneficiouse do gran traballo realizado polos voluntarios” pero incidiu na necesidade dun GES “que atende emerxencias que non son incompatibles co servizo de bombeiros” polo que defendeu que “a nosa comarca debería contar con ambos”.

Fraga apuntou que O Carballiño, como cabeceira de comarca, debería liderar esta iniciativa, pero vendo que dende hai ano e medio non se deu ningún paso adiante “nos estamos dispostos a facelo, e tomar a iniciativa de poñer en marcha canto antes un grupo de traballo  e unir esforzos de todos os alcaldes, independentemente da cor política, e poñernos mans á obra”.