Os socialistas solicitan un pleno extraordinario para tratar o futuro do matadoiro, do PXOM, axuda a domicilio e as taxas do conservatorio e escolas municipais

10, Setembro 2014

O Grupo Municipal do PSdeG do Carballiño solicitará a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar "temas de gran importancia para a cidadanía e que o goberno do PP ten paralizados e sen darlles solución". Así o anunciou hoxe o portavoz do PSdeG, Paco Fumega, acompañado dos concelleiros Adolfo Nogueira e Manolo Dacal.

Unha das cuestións que require unha solución urxente "é a reapertura do matadoiro, xa que os traballadores levan dous anos agardando a que o alcalde cumpra o seu compromiso de poñer en funcionamento estas instalacións".

Os socialistas manifestan que "o concurso público para adxudicar a xestión foi a primeira proposta dos socialistas, rexeitada no seu día polo PP, que propuxo outras opcións que finalmente se descartaron e que retrasaron a reapertura. Finalmente volveuse ao punto de partida de convocar o concurso público, despois de dous anos de promesas incumpridas e dun alongamento innecesario no tempo que evidencia a ineptitude dun alcalde  que neste caso xoga co pan dos traballadores".

O PSdeG tamén propón debater no pleno unha solución para as traballadoras do servizo de axuda no fogar, servizo que foi privatizado polo Concello que deu á concesión a unha empresa, “polo que o grupo de goberno tiña a responsabilidade de mediar e de defender o cumprimento do convenio laboral”.

“O alcalde cometeu un erro ao manterse ao marxe cando comezaron as denuncias, e logo a súa cabezonería e o non ser capaz de rectificar levounos á situación actual, na que as traballadoras están dispostas incluso á chegar á folga para defender os seus dereitos”, explicou Fumega.

Os socialistas reclaman tamén a implicación do goberno do PP para buscar unha solución ao futuro do Conservatorio e das escolas deportivas, xa que a suba das taxas impide a moitos pais e nais poder manter aos seus fillos.

 Fumega lembrou que os socialistas propuxeron a rebaixa do IPREM, aceptada polo goberno do PP, pero “non é suficiente, porque a situación é moi complicada para moitas familias e faise necesario artellar outros mecanismos a través de axudas ou becas”.

O alcalde decidiu subir taxas e impostos para asumir a débeda, pero os cidadáns están a pagar cada vez máis e a recibir menos servizos, polo que o PSdeG considera necesario priorizar o gasto.

“En lugar de realizar gastos superfluos hai que investir no que é máis necesario, e nos cremos que apostar pola formación dos cativos o é”, afirmou Fumega, quen sinalou que “o futuro das escolas e o conservatorio depende da vontade política”.

 Por elo, o PSdeG propón a creación dunha mesa de negociación para buscar alternativas que fagan posible a continuidade destes servizos de xeito asequible para as familias.

Considerou que “se pensamos no futuro do Carballiño temos que prestar atención aos cativos, que teñan a posibilidade de formarse na nosa vila” e lembrou que o goberno de Marnotes “non ten isto como unha prioridade” como xa demostrou tamén co proxecto da segunda Galiña Azul, que segue pendente pola falla de previsión e acción do goberno municipal.

O PSdeG quere debater tamén en pleno o avance do PXOM, “que realmente preocupa moito aos cidadáns como estamos a comprobar na nosa campaña de información no rural”.

Fumega incidiu en que este PXOM debe ser retirado por que “é un desastre, como recoñece o propio goberno, xa que non ten unha lóxica nin ten criterios entendibles, e ademais condena ao rural á súa desaparición, algo co que non estamos dacordo”.

Defendeu a redacción dun proxecto urbanístico “máis xusto, onde se perdemos o 20 por cento de urbanismo o repartamos entre todos e non que só sexa no rural”. Criticou ademais a falla de claridade dos criterios técnicos, xa que o proxecto segue “criterios políticos que non están definidos e que leva á xente a cuestionar por qué unhas zonas quedan como edificables e outras non sen que ata o de agora teñamos explicación”.