Pachi Vázquez comprometese no Carballiño "a sacar a Galicia da crise pola esquerda"

10, Outubro 2012

O auditorio do Carballiño encheuse de afiliados e simpatizantes socialistas -800 segundo o PSdG-  para escoitar a Pachi Vázquez no mitin central da campaña electoral nas comarcas do Carballiño e o Ribeiro.

O candidato socialista chamou a votar aos indecisos que non queren un goberno da dereita para “sacar a Galicia da crise pola esquerda” garantindo a educación, a sanidade e a atención á dependencia de carácter público. Chamou así a saír da crise facendo política “para as persoas”, a través dun camiño “duro e difícil” pero xusto cos mais prexudicados mentres a dereita “exprime aos enfermos, estudantes e pensionistas”.

 Puntualizou que “si os que dubidan a día de hoxe nos apoian, a partir do día 21, en vez dun goberno e un presidente que só pensan en si mesmos haberá un goberno e un presidente socialista que pensan na xente que os necesitan”. Dixo que “cando a xente non vota gaña a dereita, pero canda a xente ponse de pé e non se resigna gaña a esquerda”.

 Ademais, comprometeuse a gobernar sen despedir ningún empregado público porque “cada vez que despiden a un médico ou un profesor están prexudicando a calidade dos servizos públicos”. Dixo que “nesta crise non entramos por culpa da educación, dos pensionistas, dos parados nin dos estudantes, entramos por culpa dos bancos que crearon un sistema especulativo e que cando se afundiu todo desapareceron”.

 Pachi Vázquez subliñou que “están os tempos para axudarlle ás familias que o están pasando mal”, polo que comprometeu 25.000 bolsas contrato para outros tantos mozos e mozas no paro a través dun Plan de Emprego Xuvenil. Tamén comprometeuse a eliminar as axudas aos centros concertados que segregan por sexos para destinar eses cartos a pagar os libros de texto gratuítos.

 Comprometeuse tamén a que os pensionistas galegos non teñan que pagar polos seus  medicamentos co copago imposto por Rajoy e Feijóo. Tamén apostou polo investimento en políticas de igualdade e na equiparación salarial entre homes e mulleres mentres o PP, dixo, “cando hai problemas, caladiño empeza por botar ás mulleres do mundo do traballo”

Advertiu que “votar ao PP é votar por pagar polos medicamentos, polo transporte escolar ou polos libros de texto, é votar contra ti mesmo” e apostou por “cobrar mais aos mais ricos e investir en universidades e ensino”, seguindo o modelo de Francia “e non o de Grecia e Portugal, como segue a dereita”.