A parroquia de Cabanelas prepara a celebración da "XIX Festa do Viño Novo"

4, Novembro 2016

A XIX Festa do Viño Novo de Cabanelas porá a disposición dos visitantes 400 litros de tinto desta derradeira colleita.

O evento presentouse na adega de Emilio Vázquez, que ten máis de 300 anos de antigüidade e que é un claro exemplo da relevancia histórica desta parroquia do Carballiño no cultivo das vides e na elaboración do viño, en especial do viño tinto, que é o principal referente da zona. Precisamente, este adegueiro láiase do paulatino abadono das viñas polo envellecemento e a diminución da poboación da parroquia.

A festa celebrarase o domingo 20 de novembro e ofrecerá un programa de animación musical, coa charanga Castro Vello, e, sobre todo, de degustación dos produtos típicos das romarías: pulpo, carne ao caldeiro, chourizos con cachelos, castañas e viño novo de Cabanelas, que é o principal aliciente.

O xantar está previsto para as 2 da tarde, pero tamén se poderá degustar este mesmo menú a partir das 18,30 h., e ata a noite. O concello do Carballiño porá a disposición das persoas que queiran acudir a este evento e non desexen levar o seu coche, un servizo de microbús gratuito, que sairá da Praza Maior (fronte á casa consistorial) cada hora entre as 11,00 e as 14,00, e entre as 16,00 e 19,00 h.

Ao acto de presentación asistiu o alcalde, Francisco Fumega, así como os concelleiros de Turismo, José Manuel Dacal, e de Medio Rural, Rosario González, ademáis do mantenedor da festa, Delfín Borrajo, e colleiteiros e veciños da parroquia.

Fumega dixo que esta festa era un reclamo para vir a visitar esta parroquia que ten unha das paisaxes máis fermosas do Carballiño e do Ribeiro, e para seguir impulsando o cultivo do viño, que é a mellor forma de contribuir á recuperación de Cabanelas.

Asemade resaltou que hai tres parroquias baixo a denominación de orixe do Ribeiro, e que esta circunstancia debería aproveitarse para promover proxectos de replantación máis dimensionados.

Neste mesmo sentido pronunciáronse José Manuel Dacal e Rosario González, que destacaron o interese dos veciños por manter e impulsar esta festa como unha demostración de convivencia e unha forma de xuntar aos que viven fóra e dar a coñecer os seus recursos aos visitantes.

Por isto, xunto con Delfín Borrajo, animaron a todas as persoas que descoñecen esta zona a achegarse o 20 de novembro e disfrutar dunha xornada de festa, podendo recorrer as adegas e ver a paisaxe multicor de vermellos e dourados e verdes que ofrecen as viñas e os montes neste tempo de outono.

Segundo dixeron os colleiteiros, a produción vinícola esta tempada baixou un 50%, recolléndose en toda a parroquia uns 30.000 litros de viño. Pero, a cambio, aseguraron que a calidade do viño era moi boa. E por esta mesma razón animaron a todos a asistir á festa e degustar este viño novo que, tal e como se amosou durante a presentación, é natural cen por cen, sen engadidos nin misturas.