Pasarela de moda e tapa de primavera, actividades do Centro Comercial Aberto para esta fin de semana

2, Xuño 2016

Máis de cen modelos, infantís e adultos, desfilarán o sábado, 4 de xuño, na Pasarela de Moda que organiza por cuarto ano consecutivo o Centro Comercial Aberto no anfiteatro da Praza da Veracruz.

Ao mesmo tempo, dende o mediodía deste venres e ata a noite do sábado, promóvese unha ruta de tapas de primavera, co diversos premios para aquelas persoas que consuman pinchos en tres locais diferentes.

Vintecinco establecementos comerciais dos máis diversos sectores participarán neste desfile, que comezará ás 19,00 h., e que conta coa colaboración da actriz Isabel Risco, e do compositor e cantante Hugo Torreiro. Risco é coñecida pola sua intervención en papeis de series e programas de gran audiencia da TVG, e Torreiro, por participar nun cásting do programa de televisión “La Voz”.

No acto de presentación do evento interviñeron o presidente do CCA, Julián Garriga; o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira; Manu Varela, da Agencia Luena, que organiza o desfile, e a xerente do CCA, Noelia Mares.

Garriga destacou a importancia desta Pasarela e da iniciativa das tapas como escaparate do comercio local e unha boa oportunidade para atraer máis visitantes ao Carballiño.

No mesmo sentido pronunciouse o representante da axencia Luena, ao referirse ao desfile como unha actividade impulsora do turismo de compras. Manu Varela asegurou que se trata dun espectáculo de gran repercusión nas redes sociais, co que garante unha boa promoción do comercio local.

Nogueira, pola súa parte, diu a noraboa ao Centro Comercial Aberto pola actividade que desenvolve a prol do comercio local, que é un eixo esencial no desenvolvemento económico e social do Carballiño. E animou á cidadanía a achegarse ata a praza da Veracxruz para presenciar o desfile.