Pazos de Arenteiro celebra esta fin de semana a festa histórica "1809 A Batalla", con numerosas actividades sábado e domingo.
Máis dun cento de veciños de Boborás e participantes procedentes de localidades de toda España recrearán esta fin de semana un dos acontecementos máis singulares da historia da provincia: a batalla de 1809, que enfrontou aos galegos liderados polo capitán Cachamuíña contra as tropas francesas de Napoleón.
A Deputación de Ourense e o Concello de Boborás colaboran con esta festa histórica, organizada pola Asociación Cultural A Batalla 1809, e na que os veciños de Boborás convidan aos visitantes a unha viaxe no tempo para coñecer durante dous días -sábado 8 e domingo 9 de xullo- en Pazos de Arenteiro os costumes, a gastronomía e o modo de vida daquela época, nunha ampla programación que culminará ás 13,30 horas do domingo coa batalla na ponte.
O vicepresidente segundo, César Fernández, participou esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial na presentación do evento xunto á alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e o presidente da Asociación Cultural A Batalla 1809, Agustín Vila.
César Fernández definiu “1809 A Batalla” como “un evento xa fundamental no calendario da provincia”, antes de recoñecer o “excelente traballo” da organización e do concello para desenvolver unha festa “á que sen dúbida merece a pena asistir e desfrutar”.
Pola súa banda, Patricia Torres incidiu na importancia de retomar “A Batalla 1809” despois do parón obrigado pola pandemia do coronavirus, remarcando a dedicación e esforzo dos organizadores para levar a cabo unha cita que “xa é unha referencia entre as festas históricas ourensás e galegas”.
Agustín Vila agradeceu a colaboración institucional, o traballo de todos os voluntarios e dos propios veciños de Pazos de Arenteiro para organizar unha cita “moi interesante e que se renova ano a ano, implementando novas actividades baixo o respecto ao espírito dunha festa que permite ver en directo a recreación desta batalla histórica”.
Un evento sociocultural con participación de veciños y visitantes
O programa de actividades da cuarta edición da festa “1809 A Batalla” inclúe ao longo do sábado 8 e domingo 9 de xullo visitas guiadas ao campamento francés e a Pazos de Arenteiro, música tradicional, concertos, exhibición de esgrima histórica e de xogos populares, gastronomía ou actividades infantís.
A festa "1809 A Batalla" é un evento cultural no que se recreará a batalla librada entre os trescentos galegos liderados polo capitán Cachamuíña e os mil soldados do exército de Napoleón aos pés da Ponte da Cruz, aos que os galegos derrotaron. Os fitos históricos serán representados ao longo do fin de semana por voluntarios de todo Boborás xunto a participantes doutros puntos de Ourense e doutros puntos da xeografía española, que se unen á celebración e vístense de combatentes dos dous bandos durante eses dous días.