"Peón, os teus pasos con seguridade", este venres ás oito da tarde no salón de actos da casa do concello

22, Febreiro 2018

Co obxectivo de concienciar á poboación para previr accidentes, sobre todo atropelos, este venres terá lugar una charla organizada pola AA.VV. Camiño e a asociación STOP Accidentes, en colaboración co concello, que se desenvolverá co lema: “Peón os teus pasos con seguridade”.

O acto, que se desenvolverá o venres, 23 de febreiro, ás 20,00 h., no salón de plenos do concello, vai dirixido a todas as asociacións de veciños e veciños en xeral do Carballiño.

A presentación realizouse este mediodía coa intervención do concelleiro de Seguridade, Adolfo Nogueira; o xefe da Policía Local, Francisco Valeiras; o presidente da Asociación de Veciños Camiño, Cádido Ferreira, e o representante da asociación Stop Accidentes de Ourense, Benito Bouzada.

Bouzada fixo fincapé no elevado número de accidentes que se producen en Galicia e Ourense, sobre todo atropelos con consecuencias moi graves. Neste senso dixo que evitalo non é só unha cuestión das administracións senón de todos. E por iso convidou aos veciños a asistir a esta conferencia.

Ferreira tamén convidou ao movemento asociaciativo a sumarse a este acto, do que dixo era unha verdadeira necesidade para evitar accidentes.
E Nogueira e Valeiras incidiron na oportunidade da iniciativa tendo en conta os últimos atropelos acontecidos na vila. Ao respecto aseguraron que algúns dos puntos máis conflictivos poderían quedar subsanados en breve, incrementando as rúas de sentido único para evitar a confluencia masiva de vehículos nas interseccións, como acontece, por exemplo, na avenida 25 de Xullo.

Segundo Benito Bouzada, o 90% dos accidentes son evitables, e a conferencia permitirá visibilizar os riscos que se producen a cotío por parte dos peóns e automovilistas. Ao respecto dixo que un dos problemas máis graves é pasear polas cunetas das estradas e avenidas de noite ou con pouca visibilidade sen chaleco refrectante.