Piden que se aclaren as vacantes na Policia Local e que sexan cubertas. Espazo Común ve improvisación permanente do goberno municipal, tamén neste asunto.

14, Outubro 2019

Espazo Común levará ó próximo Pleno de O Carballiño unha moción para que de xeito inmediato “se dea traslado á oposición dos informes elaborados polos servizos técnicos municipais que avalan a contratación dun determinado número de policías”.

Espazo Común solicitará “que se facilite tamén a OPE anunciada e o documento de remisión da solicitude á AGASP” e pedirá “que se designen responsables e prazos para facer as xestións necesarias que restan para poder cubrir as vacantes e completar o cadro de persoal e garantir así un servizo acorde co que precisa O Carballiño”.

Espazo Común cualifica de “improvisación permanente” a xestión “que se está a facer no Concello do Carballiño cun asunto de tanta relevancia como a cobertura das vacantes no cadro de persoal da Policía Local”, que “leva anos experimentando un descenso constante no seu número de efectivos o cal fai cada vez máis complicado manter o servizo nos mínimos que precisa unha vila coma a nosa”.

Espazo Común salienta que “en febreiro deste ano, o alcalde anunciaba publicamente a aprobación dunha OPE (Oferta Pública de Emprego) e a solicitude por seis prazas. A finais do mesmo mes, desdecíndose a se mesmo, xa fala de só catro e nestes días pasados, o concelleiro de Persoal e Policía, Manuel Sotelo, baixou a cifra a só tres. Xa hai meses que pedimos acceso aos informes técnicos aos que fan alusión e a esa suposta OPE pero recibimos a calada por resposta”.

O grupo municipal de Espazo Común precisa que “o proceso legal para a contratación de novos policías é longo pero despois de cumprir cos primeiros e máis complexos pasos entre 2017 e 2018, o procedemento quedou estancado e xa se perderon convocatorias da AGASP (Axencia Galega de Seguridade Pública) para a súa cobertura”. Así, “dende finais do ano 2017, cando se aprobou a RPT, e primeiros do 2018, cando se aprobou a adhesión ao convenio coa Xunta de Galicia pola que esta se encarga da selección do persoal para completar o cadro de persoal, xa só quedaba a aprobación dunha OPE (Oferta Pública de Emprego), trámite responsabilidade do alcalde e que non ten nin que pasar polo pleno, xunto coa remisión dunha simple solicitude co número de prazas a cubrir”.