A planta de Cepsa en Maside fai probas da serea do Plan de Emerxencias Exterior para avaliar o seu correcto funcionamento

13, Decembro 2014

Este luns, día 15 de Decembro, a planta de Cepsa Comercial Petróleo, situada no concello de Maside, realizará unha proba de son da serea incluída no seu Plan de Emerxencia Exterior (PEE) que servirá para avaliar o seu correcto funcionamento e así dar a coñecer o seu son aos cidadáns.

Co obxecto de verificar este funcionamento, realizarase medicións con sonómetros en diversos puntos do perímetro e así poder confirmar os resultados obtidos nos modelos matemáticos. Así mesmo, esta proba servirá para que os veciños da zona se sigan familiarizando co son desta serea e recordarlles que, no caso que a escoiten nalgunha ocasión, deben confinarse nas súas vivendas e esperar as instrucións dos responsables de protección civil.

Está será a segunda vez na que os veciños escoiten este son, pois por mor do simulacro realizado no pasado mes de xuño, no que participaron os todos os grupos operativos, tamén activáronse.

A Xunta de Galicia, coa colaboración do concello, procedeu estes días a un reparto de notas informativas entre os veciños que avisan de que se trata soamente dunha proba da serea. “Máis alá dos sinais acústicos e dunha maior presenza dos servizos de comprobación na zona de Piñeiro e A Touza, a actividade dos veciños non se verá afectada en absoluto e poderán continuar coa súa rutina”, explícase nestas notas informativas.

Aposta pola prevención
Desde a Xunta quérese destacar a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias, liña na que se enmarcan os plans de emerxencia exterior elaborados polo Goberno galego.

Os PEE teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industriais e ter preparada a resposta adecuada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente. Establecen as medidas de protección idóneas, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos que podan intervir.

Unha vez redactados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, os PEE son validados pola Comisión Galega de Protección Civil, posteriormente aprobados polo Consello da Xunta e, finalmente, homologados pola Comisión Nacional de Protección Civil.

Terceiro cinto de seguridade
De tódolos xeitos, hai que lembrar que os plans de emerxencia exteriores representan un “terceiro cinto de seguridade” posto que todas as empresas con risco químico, ademais de cumprir escrupulosamente coa normativa de seguridade industrial a nivel europeo, teñen que estar provista dun Plan de Emerxencias Interior, que é o que regula o protocolo de actuación no caso de se producir unha emerxencia no interior do recinto.