A Plataforma Incineradora Non organiza esta semana novos actos informativos

16, Xaneiro 2012

Dende que comezaran as xornadas na Casa da Cultura no pasado mes de decembro, son xa máis de 400 veciños do municipio de Carballiño os que participaron nas charlas impartidas tanto pola Sociedade Galega de Historia Natural coma polo biólogo Diego Reboredo.

Os relatorios, baseados no informe realizado pola devandita sociedade, apóianse nos grandes prexuízos que supón a incineración como sistema e como factor contaminante para o ámbito onde se sitúa. Ademais de razóns relacionadas coa saúde, afóndase en aspectos de índole socioeconómico que desacreditan a elección de Irixo como municipio que albergue esta instalación, e as graves consecuencias que pode ter sobre toda a bisbarra de Carballiño.

Ata agora, as parroquias que acolleron as devanditas charlas son as da Piteira, Pol, Seoane, Veiga, Mudelos, Madarnás e Longoseiros, ademais da xa mencionada da Casa de Cultura en Carballiño. Para esta semana, está programado que este martes se celebre no local social de Partovia a partir das 20:00 horas. O xoves, a plataforma organiza unha conferencia no concello de San Amaro a celebrar no centro médico da devandita localidade tamén ás 20:00 horas, e xa o venres o lugar elixido é a parroquia de Arcos á mesma hora e en local social desta asociación de veciños. A seguinte semana, a Plataforma proseguirá coa súa campaña informativa polas distintas parroquias e sedes veciñais de Carballiño. Finalmente, o domingo 29 ás 12,30 da mañá está convocada unha manifestación na Praza Maior do Carbaliño

Dende a Federación de Veciños de Carballiño e todas as asociacións vinculadas a esta plataforma, animan "a todos os veciños interesados a que participen neste ciclo de conferencias co obxecto de informarse sobre calquera cuestión relacionada con este tema. Consideramos que é o noso deber que todos os veciños poidan contrastar os seus puntos de vista a partir da información que se lles vai proporcionando, tendo en conta, sobre todo, que neste proceso todo foi escurantismo por parte da administración autonómica que nunca consultou a esta bisbarra dende que decidise situar a planta incineradora".