Plataforma Masidá promove unha Iniciativa Popular para que a corporación municipal se posicione sobre a planta de neumáticos

17, Novembro 2015

A falta de información -afirman dende Plataforma Masidá- sobre o proxecto de instalación "dunha planta de incineración pirolítica de neumáticos nun monte comunal a 200 metros dun núcleo de vivendas e dun colexio público" levan a este colectivo a promover unha Iniciativa Popular Local no concello masidao.

Para elo deben reunir as sinaturas de apoio das persoas con dereito a sufraxio no municipio, que no caso de Maside ao ser menor de 5.000 habitantes, debe representar o 20% do censo electoral. Trátase dunha figura de participación cidadán que recolle a Lei Reguladora de Bases de Rexime Local.

Antonio Iglesias, un dos promotores desta Iniciativa Popular, calcula que serán necesarias unhas 500 ou 600 sinaturas "en todo caso cantas máis mellor", subliñou nesta emisora de radio. A recollida de sinaturas está xa en marcha e esperan nunhas cantas semanas reunir as sinaturas necesarias.

No caso de prosperar, motivará a convocatoria do pleno extraordinario da corporación municipal de Maside, que deberá logo debatir e votar a Iniciativa Popular, neste caso relativa a posible instalación no municipio dunha planta para o tratamento de neumáticos usados.