A Praza de Abastos ofrece ata o 5 de Xaneiro bolsas reutilizables para recoller 10.000 bolsas de plástico

17, Decembro 2018

As concellerías de Promoción Económica e Medio Ambiente, así como a Asociación de Praceiros, comezan mañá unha campaña de uso de bolsas reutilizables na Praza de Abastos, cuxo obxectivo é recoller máis de dez mil bolsas de plástico durante estas datas do Nadal para evitar que acaben contaminando o medio ambiente.

Esta campaña, que conta tamén coa colaboración da consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, dará comezo mañá, martes 18 de decembro, e rematará o 5 de xaneiro. De luns a sábado, e de 09,30 a 13,30 h., haberá un stand na praza de abastos, na que se cambiará unha bolsa reutilizable por cada cinco bolsas de plásticos que se entreguen. Nesta campaña poranse á disposición da clientela ou de calquera persoa que se achegue ata o mercado municipal nestas datas un total de 2.400 bolsas reutilizables.

A iniciativa foi presentada nun acto ao que asistiron o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira; a concelleira de Medio Ambiente, Érika Paz, e o presidente da asociación de praceiros, Eligio González.

Adolfo Nogueira amosou a súa satisfacción por seguir incidindo en actividades que redunden a favor do comercio local e, en especial, dos postos da praza de abastos. Por iso considerou importante esta campaña que, ao tempo que promociona as compras no mercado municipal, promove a sostibilidade do medio ambiente, eliminando as bolsas de plástico.

Érika Paz agradeceu a sensibilidade da concellería de Promoción Económica e da Praza de Abastos por promover iniciativas deste tipo, e sobre todo nestas datas de Nadal, na que prolifera o uso de bolsas de plástico que poden acabar nas rúas, nos montes, nos ríos e nos mares, contaminando os ecosistemas. De aí que incidise en que a sostibilidade do medio ambiente e dos recursos naturais é cousa de todos, e que todos podemos contribuir a facer a vida máis sostible acudindo, como nesta campaña, á praza de abastos para substituir bolsas de plástico por bolsas reutilizables.

Finalmente, Eligio González expresou a súa satisfacción por contribuir a esta campaña de reciclaxe e porque se levase a cabo precisamente na praza de abasos e nestas datas nas que o mercado municipal está superando dabondo o éxito do pasado ano da Campaña de Nadal, con máis de 10.000 papeletas depositadas para participar no sorteo do próximo sábado, 22 de decembro. Por iso, o presidente da asociación dos praceiros agradeceu o apoio dos concelleiros de Promoción Económica e Medio Ambiente.

As bolsas desta campaña son de tela de cor verde e levan impreso o logotipo de Praza de Abastos e o patrocinio do Concello e da Xunta.