A Praza de Abastos volve premiar as compras da súa clientela

2, Novembro 2016

A Praza de Abastos repartirá 1.000 euros en premios entre a clientela que merque neste mercado durante a campaña de promoción do Nadal.

Haberá dez premios, de 200, 100 e 50 euros, ata un total de 1.000 euros, para as persoas que resulten afortunadas no sorteo que se celebrará o 22 de decembro. Esta campaña de promoción, que foi presentada hoxe, comezará mañá, 3 de novembro e rematará o 22 de decembro.

Durante a presentación, o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, anunciou unha próxima remodelación e mellora das instalacións da praza, cun proxecto que conta co financiamento da Xunta de Galicia.

Asemade, reiteriou que se segue traballando no pliego para sacar a concurso os postos libres, e amosou unha vez máis o apoio do concello para seguir promocionando o mercado público. Neste senso desexou que esta campaña consiga incrementar a clientela, como xa sucedeu na realizada o pasado verán.

Pola súa parte, o presidente dos praceiros, Eligio González, presentou a Campaña de Nadal como un incentivo para atraer máis clientela e fidelizar aos compradores habituais.

Asegurou que o sorteo efectuado no verán fora todo un éxito e que esperaba que este o superase, pois a cuantía total dos premios é máis do dobre da anterior campaña.

Ademáis, expresou o seu agradecemento ao concello polo seu empreño en seguir modernizando as instalacións e apoiar a promoción do mercado municipal como lugar onde mercar produtos frescos e de calidade.