Preto de 200 nenas e nenos do CEIP Calvo Sotelo do Carballiño coñecen os beneficios das conservas de produtos do mar coa campaña ‘Fai clic ao teu bocata’

11, Novembro 2022

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañaron ás nenas e nenos do CEIP Calvo Sotelo Colexio Plurilingüe e Abalar nun obradoiro da campaña Fai clic ao teu bocata, para promover o consumo de conservas de produtos do mar entre o público infantil. Neste centro a iniciativa chegará a arredor de 190 alumnas e alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria e con eles son máis de 16.400 os que se levan beneficiado desta iniciativa desde o seu comezo en abril de 2021.

Esta acción forma parte do programa Aliméntate ben e inclúese na campaña máis ampla da Xunta GALICIA SABE AMAR, coa que o Executivo galego pretende impulsar o consumo de peixes e mariscos entre a cidadanía e difundir a gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores.

O director xeral destacou que Fai clic ao teu bocata busca familiarizar dun xeito ameno e lúdico ao público de entre 5 e 16 anos coas conservas de peixes e mariscos e transmitirlles os beneficios nutricionais de incluílas na dieta. Ao mesmo tempo pretende achegarlles ás rapazas e rapaces os coñecementos das distintas especies de peixe e moluscos e ensinarlles a empregar as conservas como base en receitas sinxelas.

Neste curso 2022-2023 está previsto que a campaña chegue a preto de 10.000 escolares duns 70 centros galegos. Con todo, a iniciativa vai máis alá do período escolar pois nos meses estivais tamén está presente en campamentos de verán e outras actividades culturais da Xunta.

Fai clic ao teu bocata releva á anterior iniciativa Ponlle as pilas ao teu bocata, que achegou o mundo das conservas a máis de 74.000 nenas e nenos e que foi recoñecida pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas. Outra iniciativa de promoción renovada no curso pasado é Ti si que es un bo peixe, que substitúe a O sabor da aventura está no mar e coa que a Administración galega segue difundindo dun xeito ameno entre o público infantil coñecementos sobre as distintas especies de peixes e mariscos e as súas propiedades nutricionais.
Cada un dos obradoiros de Fai clic ao teu bocata divídese en tres partes. Na de presentación inclúe unha charla divulgativa, dinámica e participativa con preguntas aos participantes sobre alimentación e os produtos do mar e a proxección dun vídeo animado da campaña que introduce o mundo das conservas e o dos bocadillos.

A segunda parte é a demostración da elaboración dos bocadillos que inclúen conservas de produtos do mar como ingrediente principal e que serán degustados ao finalizar o obradoiro. Desta tarefa encárgase un monitor mentres se desenvolve unha charla divulgativa sobre os diferentes produtos do mar que se poden atopar en conservas, o seu método de captura ou cultivo e como se preparan para a súa conservación.

Na terceira e última actividade avalíanse entre os participantes, a modo de xogo e mediante preguntas rápidas, os coñecementos adquiridos no obradoiro e, ao rematar a xornada, entréganselles ás nenas e nenos agasallos relacionados coa campaña.