A problemática dos refuxiados protagoniza un ciclo de proxeccións do Cine-Club, que tamén ofrece cine infantil na programación de nadal

15, Decembro 2015

O concelleiro de cultura, Diego Fernández, e os directivos do Cine-Club Ricardo Paz e Antonio Godás presentaron estas actividades cinemotrográficas enmarcardas na programación de nadal do concello carballiñés.

Neste Nadal teremos unha variada oferta cinematográfica no Carballiño. O Cine Club e o Concello organizan dous ciclos de cine, un dirixido ao público familiar, especialmente aos mozos e cativos, e outro centrado no problema dos refuxiados.

Este último ciclo iniciarase o día 19 de decembro ás 20:00 horas coa estrea en Galicia de District Zero, que  conta a historia dun refuxiado sirio que vive no campo de Zaatari (Xordania) e que, desde a súa tenda de móbiles, axuda a outros refuxiados a imprimir fotos de tempos máis felices. A película documental  estreouse o 20 de septembro no 63 Festival de Cine de San Sebastián dentro da sección Zinemira.

Contaremos para a súa presentación con un representante de Intermon Oxfam, ong que traballa con refuxiados. As outras tres películas que compoñen o ciclo proxectaranse no Auditorio Municipal os días 21, 22 e 23 de decembro, en horarios de 20:00  (versión dobrada ao castelán) e 22:30 horas (VOS). A primeira delas é Almanya:Benvido a Alemania, unha mestura de drama e comedia que reflicte o tema da inmigración turca en Alemania. O 22 teremos unha auténtica delicia, a canadiana Profesor Lazhar, que no ano 2011 foi nominada aos Oscar, aplaudida pola crítica e polo público, recibiu o  premio FIPRESCI na Semana de cine de Valladolid, o de mellor película canadiana dese ano…O ciclo pecharase con Welcome, película francesa que trinfou no 2009 nos premios César do seu país.

O ciclo adicado ao público máis novo componse de tres películas que se proxectarán ás 18:00 horas no Auditorio municipal os días 21, 22 e 23. As dúas primeiras son inéditas en Ourense: La canción del mar, nominada aos Oscar como mellor longametraxe de animación, sete premios Annie, nominada nos premios do Cine Europeo como mellor longametraxe de animación. Un film fermosísimo e artesanal, recomendable non so para nenos senón para todos aqueles adultos que lles guste o bo cine.

Ao día seguinte proxectarase La mecánica del corazón, película francesa dirixida a un público un pouco maior, xa que está recomendada para maiores de 12 anos. Por último, o día 23 termos unha sesión especial coa proxección dunha película para todos os públicos,  Del revés (Inside Out), un dos grandes éxitos de taquilla e de crítica deste ano, considerada por moitos unha das mellores obras de animación dos últimos tempos. Neste caso a proxección ten un marcado carácter solidario, xa que en vez de comprar unha entrada para poder ver a película haberá que traer un alimento (que será donado ao banco de alimentos) ou un xoguete (que será donado á Cruz Vermella). O resto das sesión teñen un prezo de 3 euros.