Punxín completa as obras da Área Termal do Bañiño. A Xunta destinou a este proxecto 112.902 euros.

16, Febreiro 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou en Punxín as obras de mellora da área termal do Bañiño, para informar da apertura de prazo de solicitudes da segunda edición do programa de axudas para o acondicionamento dos espazos termais de uso lúdico de Galicia. Unha convocatoria de carácter plurianual (2023 e 2024) á que se reservan un total de 1,74 millóns de euros e que se manterá aberta desde mañá ata o 3 de xullo.

Os apoios, de concorrencia non competitiva, veñen de publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) co obxectivo de fomentar a actividade termal mediante a realización de actuacións encamiñadas ao acondicionamento destas instalacións.

En concreto, estas melloras inclúen a adquisición e instalación de caudalímetros, sistemas de bombeo ou equipos de medición; colocación de sinalética; obras de acometida e canalización de augas; melloras de espazos verdes, instalacións de lecer e das condicións de accesibilidade e seguridade; así como actuacións en vestiarios, duchas e aseos.

Poden optar ás axudas as entidades locais galegas que conten co título habilitante para o aproveitamento lúdico das augas termais. A intensidade de axuda manterase no 80% pero o importe máximo increméntase ata os 200.000 euros (fronte aos 150.000 da primeira edición).

Tal e como explicou o director xeral, esta liña de apoios, impulsada desde a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, ten como obxectivo apoiar aos concellos galegos na realización de intervencións que contribuirán a ofrecer máis e mellores servizos nas instalacións de augas termais galegas, contribuíndo a fomentar o turismo e a dinamización económica.

Un exemplo son as actuacións realizadas na área termal do Bañiño de Punxín, que recibiron axudas da Administración galega por importe de 112.902,61 euros. Consistiron no acondicionamento do aparcadoiro e vestiario, cartelería e sinalización; execución de aseos, oficinas, almacén e rampas de acceso; instalación de duchas; así como acometida eléctrica e de auga; mellora de zonas verdes, luminarias, mobiliario urbano, valado perimetral e piscinas, entre outras.