Quince establecementos participan na edición de verán da Feira do Stock do Centro Comercial Aberto

21, Agosto 2019

Moda infantil, de home e muller; zapatos, complementos, xoias e flores, entre outros, son os produtos que se poden adquirir na 15ª Feira do Stock, que organiza o Centro Comercial Aberto en colaboración co concello do Carballiño, e que se celebrará na Praza Maior durante esta próxima fin de semana.

Anúncianse descontos de ata o 80 e 90 por cento nalgúns produtos, así como 10 vales de compra por un valor global de 200 euros, que se sortearán ao remate da feira.

O evento foi presentado pola concelleira de Comercio, Sivia Baranda, e a xerente do CCA, Noelia Mares.
A feira abrirase o venres, 23 de agosto, ás 6 da tarde e permanecerá aberta ata as 10 da noite. O sábado e o domingo, 24 e 25, respectivamente, estará aberta de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 22,00 h.

15 establecementos dos máis diversos sectores estarán representados nesta feira, que a xerente do CCA cualificou como unha gran oportunidade para mercar produtos en condicións moi ventaxosas.

Noelia Mares destacou a importancia desta cita para o comercio carballiñés, que espera liquidar os restos da tempada de verán, ofrecendo produtos de calidade a baixo prezo. Tamén agradeceu o traballo que realizan os operarios para montar as casetas que albergarán a feira.

Pola súa parte, Sivia Baranda incidiu na necesidade de promocionar e apoiar o comercio local como unha parte esencial da economía carballiñesa. Por iso pediu á veciñanza que acuda á feira e que tamén realice as súas compras o resto do ano no comercio local, que é un comercio de proximidade e de calidade, según dixo.