Recoñecemento a O Carballiño pola participación cidadán na doazón de sangue

19, Outubro 2016

A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, fixo entrega dun galardón ao alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, en recoñecemento pola colaboración dos veciños e veciñas do municipio como doantes de sangue nos últimos 21 anos.

Esta distinción levouse a cabo ao comezo dun acto convocado pola concellalía de Sanidade e a ADOS para informar sobre a doazón de médula.

Marisa López dixo que O Carballiño ten actualmente un censo de 1.800 veciños doantes de sangue, e que a ratio de doazóns é de 50/1.000, situándose como a terceira poboación provincial de doazóns, tras a capital e Verín. Asemade, recordou que a primeira visita da unidade móbil da ADOS foi no ano 95 e que, dende entón, acudiu ao Carballiño 267 veces. Precisamente, nunha das últimas produciuse a doazón número 14.000, polo que se facía entrega deste galardón ao alcalde en agradecemento ao labor solidaria dos carballiñeses.

Francisco Fumega dixo que en 21 anos O Carballiño tivo moitos alcaldes e que, polo tanto, todos tiñan amosado o seu apoio ás campañas de doazón, pero destacou, sobre todo, o mérito dos veciños e veciñas que fan posible este labor solidario e totalmente altruista. Asemade, recolleu o galardón en nome de toda a corporación e da veciñanza.

A continuación, a concelleira de Sanidade, Marina Ortega, presentou a charla sobre doazón de médula, que foi impartida pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue co obxectivo de concienciar á sociedade para a doazón de médula.