A recuperada "Subida Automobilística á Saleta", os dias 13 e 14 de Abril, reunirá a 70 participantes

2, Abril 2019

Tras moitos anos sen celebrarse, o 13 e 14 de abril volta ao Carballiño a Subida automobilística á Saleta, e o fai con ánimo de dar continuidade a esta proba de grande prestixio no seu tempo.

O evento, que foi presentado este mediodía na Praza Maior do Carballiño, reunirá arredor de setenta coches procedentes de toda Galicia, entre eles uns vintecinco da comarca do Carballiño.

Asistiron a este acto o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o concelleiro de Deportes, Manuel Dacal; a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral; o presidente da Escudería Carballiño, Alfonso García García, e o tamén directivo desta entidade Jesús López e varios pilotos locais, así como portavoces e concelleira do BNG e AV-Son, e o candidato do PP á alcaldía, Ricardo Perea.

Francisco Fumega amosou o seu agradecemento e orgullo polo traballo que se está realizando desde a Escudería Carballiño e a Federación Galega de Automobilismo por recuperar esta proba e volver a situar ao Carballiño no panorama do mundo do motor en Galicia, no que a vila carballiñesa ten moita afección.

Nos mesmos termos pronunciouse Manuel Dacal, que destacau o grande interese desta proba a todos os niveis: económico, turístico e deportivo.
Iván Corral agradeceu á corporación municipal e ao alcalde a colaboración que se estaba prestando para facer realidade a Subida, e amosou o seu orgullo polo feito de que se retome esta proba para volver a situala no primeiro orde da competición deportiva do motor en Galicia.

Lembrou os inicios da Subida á Saleta e á histórica Peña 9, como precursores desta actividade, que –dixo- xunto coa etapa do Rali de Ourense que se vai desenvolver no Carballiño, atraerá a moitos afeccionados de Galicia pero tamén de Portugal, Castela-León e Asturias. Finalmente, invitou a todo o mundo a acudir o 13 e 14 de abril ao Carballiño, onde se ía recibir a todos con moito agarimo.

Patricia Torres tamén agradeceu o esforzo pola recuperación deste evento deportivo que transcorre en parte polo concello do Boborás, e reiterou a súa importancia dentro do panorama automobilístico ourensán e galego.

Finalmente, Alfonso García, ademáis de agradecer ás institucicións e patrocinadores a súa colaboración, destacou o esforzo realizado para recuperar a proba despois de tantos anos sen actividade. Adiantou que ían participar entre vinte e vintecinco pilotos da comarca do Carballiño, e que esperaban a inscrición de entre sesenta e setenta coches. Ao respecto dixo que o prazo de inscrición está aberto ata o xoves da próxima semana, e que normalmente os pilotos inscríbense nos últimos días.