Rematan as obras de mellora executadas polo concello do Carballiño no colexio da Uceira

8, Decembro 2025

O Concello do Carballiño informa de que veñen de rematar as actuacións de mellora e mantemento realizadas no CEIP Calvo Sotelo – Edificio Uceira, centradas na recuperación e posta a punto dos muros de peche exterior do patio cuberto.

Os traballos executados incluíron unha limpeza integral dos paramentos exteriores, así como o seu saneamento e posterior pintado, actuacións que permiten mellorar tanto a estética como a durabilidade das instalacións e garantir un entorno escolar máis seguro e agradable para o alumnado.

A intervención comezou coa limpeza xeral dos muros, retirando previamente as pinturas soltas e os restos deteriorados. Para iso empregouse unha máquina hidrolimpadora de auga a presión con lanza, actuando de arriba abaixo en franxas horizontais para disolver a suciedade acumulada.

Antes do inicio da limpeza realizáronse probas técnicas previas co fin de axustar correctamente os parámetros de presión e caudal, garantindo unha intervención eficaz sen ocasionar danos nos materiais orixinais. Os traballos implicaron tamén o trasporte, montaxe e desmontaxe do equipamento especializado.

Ademais, procedeuse á eliminación dos detritus acumulados nas partes inferiores dos muros mediante chorros de auga a baixa presión, e á recollida e carga dos restos xerados nun camión contedor para a súa correcta xestión ambiental.

Unha vez finalizada a limpeza, realizouse o saneamento dos pechamentos exteriores do patio cuberto. Esta fase incluíu o tapado de fendas, selados, reparación de zonas deterioradas e aplicación de emplastes necesarios para consolidar a superficie.
O pintado final foi realizado con pintura acrílica plástica de alta durabilidade, aplicada en dúas mans de acabado, garantindo unha protección óptima fronte á intemperie.

Mellora integral do entorno escolar

Estas actuacións enmárcanse no plan municipal de mantemento e posta a punto dos centros educativos do Carballiño, co obxectivo de mellorar continuamente a seguridade, conservación e imaxe das instalacións públicas utilizadas por centos de nenos e nenas.
A concelleira de Educación, Lorena Castro, asegura que desde o goberno municipal seguirán “traballando na mellora dos tres edificios do CEIP Calvo Sotelo”.

O Concello tamén agradece a colaboración da comunidade educativa e lembra que seguirá impulsando intervencións deste tipo para garantir espazos escolares de calidade.