Rematan os traballos de mellora en Otero Pedraio, que pasa a ter sentido único para a circulación

15, Maio 2018

A nova configuración da rúa Otero Pedrayo incrementa o número de prazas de aparcamento a case un centenar. En concreto, son 94 prazas máis outras 2 reservadas para vehículos de persoas con discapacidade.

Así mesmo, hai media ducia de prazas para aparcamento de motos.

Hoxe mesmo quedará rematado o traballo de pintado destes aparcamentos, pasos de peóns e demáis sinalización da calzada.

O establecemento da circulación nun sentido único, con entrada dende a rua Conde Vallellano e saída pola Avenida 25 de Xullo, supón unha mellora significativa da seguridade tanto para peóns como para vehículos, facilitando o acceso á avenida 25 de Xullo, en cuxa estrada queda eliminado o carril central que daba acceso ata agora á rúa Otero Pedrayo.

Así mesmo, adiántase uns metros o sinal de stop para a incorporación dos vehículos á avenida 25 de Xullo, mellorando a visibilidade dos conductores para acceder á mesma.

A adopción da dirección única nesta rúa está en consonancia coa que se aplica actualmente na maioría das cidades e vilas co obxectivo de elevar a seguridade, xa que ao circular os vehículos nun sentido único, tanto nos pasos de peóns como os vehículos que saen dos garaxes ou das prazas de aparcamento só hai que fixarse nun sentido para evitar calquera posible incidente.

O proxecto de reforma desta rúa tivo un custo de 84.000 euros, e foi financiado pola Deputación Provincial e o concello do Carballiño.

A reforma consistiu nun novo pavimento, con asfaltado en quente; un tramo de abastecemento de conexión entre a Avenida 25 de Xullo e a rúa Xosé Fariña Jamardo, e unha mellora no saneamento, co obxectivo de resolver un problema de anegamento que habia no cruce da rúa Otero Pedrayo coa Avenida 25 de Xullo; e, finalmente, o redeseño das prazas de aparcamento, que agora son en batería e se incrementan en máis de medio cento de novas prazas.