Renfe suprime a venda de billetes na estación do Carballiño: a Xunta esixe que se manteña o servizo, e Espazo Común fai cómplice ao alcalde

28, Decembro 2019

A Xunta vén de trasladarlle a Renfe "a súa oposición frontal ao peche da venta presencial de billetes nas estacións de ferrocarril da comunidade autónoma".

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, remitiulle unha carta ao representante institucional de Renfe en Galicia, Javier Pérez, na que lle expresa a posición da Xunta ao o peche comunicado pola operadora para o vindeiro día 31 de decembro deste servizo nas estacións de Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, O Carballiño, Ribadavia, Guillarei e Redondela. O Goberno galego demanda así "o mantemento deste servizo nas estacións de ferrocarril co fin de garantir e preservar en igualdade de condicións a calidade dos servizos a todos os cidadáns", indican.

"A Xunta mantén como asunto prioritario a defensa dos servizos ferroviarios que se prestan en Galicia, e neste sentido considera que eliminar esa atención presencial aos viaxeiros destas localidades supón ir contra os principios de mantemento de servizos de calidade e proximidade aos cidadáns no rural, que deben primar sobre os meros obxectivos económicos", remarcan dende o goberno autonómico.

Na misiva o director xeral de Mobilidade expresa a súa confianza en que "o operador ferroviario se replantee este decisión e valore o mantemento da atención presencial aos viaxeiros destas estacións, como xa se fixo fai dous anos, cando se atendeu as xestións realizadas polo Goberno galego e abandonou o plan de peche destes servizos nas estacións de Sarria, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Redondela e Guillarei".

ESPAZO COMÚN CENSURA "ESTA NOVA COITELADA" AO TRANSPORTE PÚBLICO E FAI CÓMPLICE AO ALCALDE

Esta formación política reaccionou ante esta noticia de supresión do servizo de venda de billetes na estación do Carballiño, facendo público un comunicado que reproducimos:

"Xa hai tempo que a indignación entre a veciñanza do Carballiño vai en claro aumento no tocante aos continuos desplantes e fallas de respecto que as empresas dependentes do Ministerio de Fomento, RENFE e ADIF están a acometer en todo o referente ao transporte público por tren na nosa comarca. Nestes días, este visible enfado aumentou exponencialmente ao confirmarse o que levaban tempo anunciando e, incluso, practicando, a supresión total da venda presencial de billetes na Estación do ferrocarril do Carballiño.

Trátase dun novo e doroso pau ás esperanzas que moitos de nós albergamos de acadar melloras sustanciais que eviten o aillamento do noso pobo e a súa desaparición dos principais nós de comunicación. Dende Espazo Común levamos xa tempo denunciando o preocupante e perigoso da situación. Alá polo mes de xullo xa presentamos no pleno da corporación unha iniciativa, que foi aprobada por unanimidade, para que dende o Concello se esixira a ADIF a paralización desta perniciosa iniciativa pero por parte do goberno non se fixo nada máis ca o habitual.

Xestos de cara á galería e tentar agochar tódolos problemas con anuncios de asfalto e farolas. Igual ca hai 50 anos. Só despois da polémica xerada pola valentía dun grupo de familias de estudantes usuarios habituais do tren a Santiago, fartos dos continuos desprezos dos responsables das devanditas empresas e a posterior convocatoria cidadá levada a cabo na propia Estación, houbo tímidos movementos do alcalde Fumega e o seu grupo. Por unha banda, a ansia para aparecer na foto da concentración aparentando ser uns afectados máis sen capacidade para revertir a situación e por outra cunha sonroxante reunión posterior cos directivos de RENFE.

Ninguén cun chisco de vergoña fai o que pretenderon facer Fumega e o seu voceiro Diego Fernández que, afeitos a vender fume á cidadanía de xeito habitual, quixeron facernos ver a todos as bondades da RENFE e voltaron enormemente satisfeitos porque ían poñer un mecánico por se se avariaban os trens máis precarios que circulan por España. E aínda debían pretender que nos amosaramos agradecidos por semellante agasallo. Para esa viaxe non facían falla alforxas nin representantes municipais. Desde aquela surrealista reunión da que ambos voltaron como orgullosos defensores das empresas, no canto de pelexar polos dereitos dos cidadáns aos que, supostamente, representan e por pelexar polo cumprimento dos acordos institucionais, as cousas foron aínda a peor.

Continuaron os retrasos e as avarías, suprimironse máis liñas e, como podemos confirmar agora, seguiron adiante coa folla de ruta trazada confirmando a eliminación da venda de billetes. Non fai falla ser adiviño para atinar que, a non moito tardar, como aconteceu antes noutros lugares, o obxectivo é que os trens deixen de parar no Carballiño e obrigarnos a ir a Ourense para dispor de acceso a este servizo público. O caso, para eles, é que sexa rentable, para estes señores traxeados que nunca pisaron esta terra, só somos cifras.

Os discuros oficiais da loita contra o despoboamento quedan moi ben nos titulares dos xornais pero as decisións que sufrimos constantemente amosan que para as diferentes administracións somos prescindibles case irrelevantes. Dende Espazo Común non estamos dispostos de ningún xeito este atentado contra os nosos dereitos e nos vindeiros días anunciaremos medidas de loita contra as decisións irresponsables que tanto nos perxudican. Xa que o goberno municipal decidiu xogar á ambigüidade e poñerse do lado dos que nos atacan, seremos outros cidadáns os que teremos que tomar a iniciativa de defender o futuro do noso pobo".