A representación institucional destaca que a tradición e o traballo das pulpeiras "é un exemplo para as xeracións actuais e vindeiras" e tamén un piar fundamental da economía, historia e cultura do Carballiño.

13, Agosto 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o conselleiro de Medio Rural, José González, acompañados do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asistiron hoxe á 61ª edición da Festa do Pulpo do Carballiño, como representación institucional da Xunta de Galicia.

A conselleira destacou a longa tradición dun evento que reflicte tanto a importancia da elaboración e do consumo de polbo para a economía do Carballiño, como a relevancia das polbeiras que conforman o groso das persoas que se encargan da súa preparación. Rivo, en concreto, puxo en valor este colectivo por ser emprendedoras e ser os sustentos das súas familias, por manter o relevo xeracional desta profesión durante décadas, por xerar emprego e riqueza no Carballiño e en toda a provincia ourensá e por ser “exemplo para as xeracións actuais e vindeiras”.

Destacou, así mesmo, que no Carballiño saben o que é facer historia non só porque unha localidade de interior fose a que “máis e mellor puxo en valor un produto de mar”, senón por converter o polbo “nun piar fundamental da economía, historia e cultura do Carballiño”. Así quedou demostrado, recordou, esta mesma semana acadando -de novo- a tapa de polbo máis grande do mundo, con 580 quilos do cefalópodo en dez minutos para un total de 800 racións. Hoxe, prevese que se sirvan ata 50.000 kg, acompañados doutros produtos gastronómicos da zona.

Pola sua banda, o director de Turismo de Galicia aproveitou a súa participación para lembrar o impulso conxunto que a Xunta está a facer co Concello para situalo como destino turístico gastronómico de referencia sobre a base do polbo como elemento diferencial. No marco dos fondos europeos, lembrou Merelles, "executaranse accións que permitan seguir desenvolvemento no eido turístico esta comarca aproveitando o tirón da chegada do AVE".

Tamén acudiu a O Carballiño neste dia grande do Carballiño o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou este mediodía na inauguración da 61ª Festa do Pulpo do Carballiño, onde quixo facer un recoñecemento “o labor das familias pulpeiras que levan xeracións facendo marca: O pulpo á feira”.

Luis Menor, na súa primeira participación como presidente do goberno provincial, expresou o seu compromiso de colaboración cunha festa declarada de Interese Turístico Internacional, “que ten á súa vez un gran impacto económico que trascende á propia vila e á comarca”.

Durante a súa intervención no acto de apertura, Luis Menor referiuse á exposición que aínda pode verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación, titulada “Pulpeiras e Familia”. Unha mostra fotográfica que reúne a diferentes xeracións de trinta familias de pulpeiros do Carballiño e que, a través das súas ferramentas (tesoiras, caldeira, pratos, ganchos, aceiteira, saleiro e pementeira) “axudándonos a comprender mellor o seu traballo e, sobre todo, o amor a esta profesión”. Un labor que contribúe a que “moitísimas persoas sexan quen de falar e situar no mapa ao Carballiño”.

Nesta liña, Menor expresou os parabéns ás familias pulpeiras, á organización e á cidadanía do Carballiño por esta xornada.