A Residencia de Tempo Libre acolle "Xuntos polo Nadal", que se prolonga ata o 7 de Xaneiro

26, Decembro 2017

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela visitou na Residencia de Tempo Librre do Carballiño aos participantes no programa "Xuntos polo Nadal", nunha visita que compartiron a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola Martínez, asi como o alcalde do Carballiño Franscisco Fumega e o portavoz do grupo popular Argimiro Marnotes.

Trátase dunha iniciativa na que 120 persoas maiores de 60 anos que se atopan soas nas súas casas, xúntanse na residencia carballiñesa para pasar estas datas con persoas da súa mesma idade.

Rey Varela sinalou que a finalidade de Xuntos polo Nadal “é que os maiores pasen acompañados unhas datas tan sinaladas como estas, reforzando ou tecendo novas amizades e ocupando o seu tempo libre facendo distintas actividades, como talleres de manualidades, saídas ou cenas especiais amenizadas con música en directo, entre outras”.

Ademais, destacou que a principal novidade que presenta o programa este ano é a ampliación da estancia nas residencias ata despois da festividade dos Reis Magos, ata o 7 de xaneiro, cando en edicións anteriores remataba o día 2.

Así mesmo, o titular de Política Social manifestou que prestar unha atención integral ás persoas maiores é un obxectivo prioritario para o Goberno galego, posto que “aspiramos a que esta terra sexa o mellor lugar para ser maior e tamén para facerse maior”.

Nesta liña, apuntou que unha das liñas de actuación deste departamento autonómico consiste en fortalecer os coidados dirixidos a persoas que teñan recoñecida a súa dependencia e, ao mesmo tempo, poñer a disposición dos maiores unha ampla oferta de programas nos ámbitos do ocio, a formación e a corresponsabilidade como son: este Xuntos polo Nadal, o programa de Benestar en balnearios, os seminarios e accións de formación coas universidades galegas ou a iniciativa de Escola de avós e avoas educadoras.

O conselleiro apuntou que “os maiores teñen unha mochila chea de experiencia e tamén, cada vez mais, moita vida por diante. Trátase de continuar aproveitando os seus coñecementos coa participación en todos os ámbitos, porque favorecer o intercambio de valores e experiencias entre maiores e xeracións máis novas fainos máis fortes e axúdanos a construír unha sociedade mellor”, concluíu.